Nova: Conversas Nortear ofrece un encontro literario galego-portugués con Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira

22/11/2015

Conversas Nortear ofrece un encontro literario galego-portugués con Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira

Baixo o título ‘Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común?’, a cita terá lugar o 23 de novembro na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela

A iniciativa é froito do memorando asinado este ano entre a Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal

  • Os escritores Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira son os protagonistas do primeiro encontro do programa ‘Conversas Nortear’ Os escritores Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira son os protagonistas do primeiro encontro do programa ‘Conversas Nortear’
  • Os escritores Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira son os protagonistas do primeiro encontro do programa ‘Conversas Nortear’ Os escritores Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira son os protagonistas do primeiro encontro do programa ‘Conversas Nortear’

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2015.- Os escritores Ledicia Costas e Pedro Guilherme-Moreira son os protagonistas do primeiro encontro do programa ‘Conversas Nortear’, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal para favorecer o diálogo e o intercambio entre as culturas galega e portuguesa.

O vindeiro luns 23 de novembro, ás 20:00 horas, a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela será o escenario desta actividade, que se presenta baixo o título ‘Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común?’ e que se encadra nas iniciativas que veñen promovendo as tres institucións citadas para impulsar o diálogo cultural entre a comunidade galega e o país veciño. No marco deste encontro, o público tamén terá ocasión de participar no coloquio que pechará as intervencións dos dous escritores.

Froito do memorando de entendemento en materia de cultura, asinado o pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro, as tres institucións poñen en marcha esta iniciativa baseada no diálogo entre un autor galego e outro do norte de Portugal, para favorecer o coñecemento mutuo entre as dúas literaturas.

Esta primeira edición conta con dúas xornadas: unha na capital de Galicia, coa participación de Ledicia Costas e de Pedro Guilherme-Moreira, e outra en Portugal, que terá lugar o vindeiro 7 de decembro na Facultade de Letras da Universidade do Porto e que contará co autor galego Ramón Caride e coa poeta portuguesa Ana Luísa Amaral.

Unha viguesa e un portuense
A literatura galega estará representada no encontro de mañá pola escritora viguesa Ledicia Costas, que acaba de ser recoñecida co Premio Lazarillo pola súa obra xuvenil ‘Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante’ e que tamén recibiu este ano o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo libro ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’. Defensora da difusión da literatura infantil e xuvenil galega, como poeta publicou en Everest Galicia a obra ‘Xardín de inverno’. Recentemente publicou en Tambre-Edelvives a obra ‘Inmundicia e Roñoso’ e no eido da narrativa para adultos, ‘Un animal chamado néboa’, (Edicións Xerais) libro de relatos ambientados na II Guerra Mundial.

Pedro Guilherme-Moreira (Porto, 1969) é avogado e escritor. En maio do 2011 publica o seu primeiro libro, ‘A manhã do mundo (Publicações Dom Quixote) e ao ano seguinte faise co Premio Nacional de Poesía do Museu Nacional da Imprensa, actualmente denominado Premio Pina. En 2014 edita o ‘Livro sem ninguém’ (Publicações Dom Quixote) e este ano ten previsto publicar unha nova obra, baseada nun periplo pola literatura universal centrado na figura de Saramago.

Intercambio expositivo
Ao abeiro deste memorando tamén se puxeron en marcha en 2015 outras iniciativas, entre as que se inclúe o intercambio dunha exposición galega que se exhibirá en Portugal e dunha mostra portuguesa que se poderá visitar en Galicia.

O proxecto expositivo portugués seleccionado foi a instalación fotográfica ‘Oito espazos para sete miradas’, que abrirá as súas portas o vindeiro mércores 25 de novembro na Casa da Parra, na compostelá praza da Quintana, con obras nas que sete fotógrafos lusos se achegan ao patrimonio catedralicio do norte de Portugal.

A mostra galega, ‘Santiago, cidade ilustrada’, que reúne debuxos e ilustracións de artistas internacionais e galegos como Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro e David Pintor, poderá visitarse desde o 27 de novembro ata o 22 de xaneiro no mosteiro de Tibães, en Braga.

Certame literario para a mocidade
Outro dos proxectos que botaron a andar este ano é o certame Nortear. Jovens Escritores / Mocidade Escritora Norte de Portugal-Galicia, que nace cos obxectivos de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como de destacar, anualmente, obras literarias orixinais e de promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras.

A obra gañadora, á que optan un total de 60 traballos presentados por mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, darase a coñecer o vindeiro mes de decembro.

O intercambio de fondos bibliográficos destinados a enriquecer a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional do Norte de Portugal tamén é froito desta colaboración cultural galego-portuguesa.

Comparte