Nova: O Museo Arqueolóxico de Ourense amosa a evolución urbana da cidade nos últimos cinco séculos

26/11/2015

O Museo Arqueolóxico de Ourense amosa a evolución urbana da cidade nos últimos cinco séculos

Alicerces é o nome da exposición, que é de balde e permanecerá aberta ao público ata o 28 de febreiro na sala de exposicións de Afundación

Ourense, 26 de novembro de 2015.- O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense –que depende da Consellería de Cultura e Educación- organiza desde hoxe e ata 28 de febreiro na sala de exposicións de Afundación a mostra “Alicerces”, sobre a evolución urbana da cidade das Burgas nos seus últimos cinco séculos de historia.

O percorrido da exposición está organizado en grupos temáticos en torno aos cales se organizan as pezas expositivas, os textos explicativos e as imaxes virtuais que dan conta dos cambios acontecidos entre o século XVI e o século XX.

O discurso expositivo parte dunha cidade cunha configuración medieval rodeada por unha cerca e de rúas estreitas e sinuosas, e continúa polas distintas etapas e as transformacións máis importantes como a que se produce xa no século XIX, cando rompe definitivamente coa súa estrutura medieval.

Ademais de imaxes e recreacións das distintas épocas, faise unha compilación de regulamentos e ordenanzas municipais que regulaban a veciñanza e a convivencia no século XVI ata as normas de policía urbana do século XIX. A expansión demográfica, a evolución das comunicacións, a transformación das infraestruturas, as actividades económicas e industriais ou o auxe da burguesía son outros dos aspectos que se recrean nesta mostra.

As persoas interesadas en visitala poderán facelo de luns a venres en horario de 17,30 a 20,30 horas; e sábados, domingos e festivos entre as 12,00 e as 14,00 horas e entre 17,00 e as 20,30 horas.
 

Comparte