Nova: Preto dun cento de alumnos dos cinco continentes participan na festa da interculturalidade do International Day
26/11/2015
Preto dun cento de alumnos dos cinco continentes participan na festa da interculturalidade do International Day
Os estudantes estranxeiros da Universidade de Santiago pretenden informar dos seus países de orixe a futuros participantes de programas de mobilidade académica
Santiago, 26 de novembro de 2015.- Máis de 85 alumnos estranxeiros procedentes dos cinco continentes representaron 23 países de todo o mundo durante a IV edición do ‘International Day’, organizado pola Asociación Erasmus Compostela (ESN Santiago) e a Vicerreitoría de Internacionalización da USC. Ao redor de 1200 visitantes pasaron ao longo de toda a xornada polo claustro da Facultade de Xeografía e Historia para interesárense polos posibles destinos dos programas de mobilidade da USC.
Albania, Alemaña, Andorra, Armenia, Brasil, Bulgaria, Chile, China, Francia, India, Irán, Italia, México, Reino Unido, Túnez, Turquía, Vietnam e Xapón son algúns dos 23 países con representación no ‘International Day’ neste simbólico espazo compostelán, no que tamén se ofreceron mostras de canto, música e baile de moitos recunchos do mundo.
En cada stand, os estudantes presentaron os seus respectivos países de orixe, facendo fincapé naqueles aspectos considerados máis significativos, evocativos ou ilustrativos: a xeografía, o estilo de vida, a gastronomía e a vida estudantil nas universidades de procedencia.
No acto de apertura, o secretario xeral de Política Lingüística destacou o galego como ‘forza de cohesión’. Valentín García subliñou que esta lingua románica ‘une Europa enteira’ e lembrou que a ‘interculturalidade e mais a integración enriquecen os seres humanos’.
Pola súa banda, a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, celebrou o incremento de interese neste evento que, edición tras edición, ‘achega unha información valiosa para os interesados nos programas de mobilidade da universidade compostelá’. Indicou que son ‘máis de 800 estudantes estranxeiros os que gozan cada ano de estadías na nosa cidade, mentres que a USC conta cuns 500 alumnos que se benefician anualmente das bolsas de mobilidade no exterior”.
O encontro rematou coa entrega de premios ao ‘Mellor stand’ e ‘Mellor actuación en artes escénicas’, cuxa dotación, á parte dunha contía económica, consistiu nun lote de produtos da marca galega Secretos de Galicia.
ESN Santiago
A Asociación Erasmus Compostela (ESN Santiago) forma parte da Universidade de Santiago de Compostela, como asociación de estudantes. A entidade centra as súas liñas de acción en programas de integración, programas culturais e de posta en valor do territorio, deportivos e formativos. Ten tamén como obxectivo a promoción da mobilidade transnacional xuvenil para reforzar a empleabilidade.