Nova: Sesión informativa no Gaiás sobre as axudas europeas Media para o desenvolvemento de videoxogos
27/11/2015
Sesión informativa no Gaiás sobre as axudas europeas Media para o desenvolvemento de videoxogos
A xornada, aberta a todos os profesionais do sector, terá lugar o mércores 2 de decembro, a partir das 16.30 horas, na Cidade da Cultura de Galicia
Participarán como relatores Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, e Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje Studio
Santiago, 27 de novembro de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a organizar xunto á Oficina MEDIA España unha nova sesión informativa sobre as axudas do subprograma MEDIA de Europa Creativa, centrada desta volta na convocatoria para o desenvolvemento de videoxogos. A xornada, inserida á súa vez no programa formativo Galicia ProFilme, terá lugar o vindeiro mércores 2 de decembro, ás 16.30 horas, na Cidade da Cultura de Galicia e conta tamén coa colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag).
O director da Agadic, Jacobo Sutil, abrirá este encontro, no que intervirán Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, e Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje Studio. Os profesionais asistentes poden solicitar a través do correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es reunións individuais con ambos os relatores para realizarlles consultas específicas sobre os seus proxectos no ámbito dos videoxogos.
Posibilidades do micromecenado
Nesta sesión, o director da Oficina MEDIA explicará as bases legais desta modalidade de axudas europeas, a través das que as compañías do sector poden optar a unha subvención máxima de 150.000 euros por proxecto. Ademais de facilitar información práctica para a presentación dos proxectos a esta convocatoria, nesta sesión afondarase nas posibilidades que ofrece o micromecenado ou ‘crowdfunding’ para o desenvolvemento deste tipo de produtos.
Neste sentido, Fernando Prieto achegaralles aos asistentes a súa experiencia como socio do estudio independente Gato Salvaje que, coa súa aventura gráfica ‘AR-K’, se converteu na primeira compañía galega con presenza en Steam, plataforma internacional de distribución de videoxogos con máis de 80 millóns de usuarios en todo o mundo.
Este será o quinto encontro do ano dentro de Galicia ProFilme, programa promovido desde 2013 pola Agadic co obxectivo de ampliar as posibilidades de formación continua dos profesionais da industria audiovisual galega. No marco desta iniciativa, en 2015 organizouse un encontro dos produtores galegos co director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos; dúas sesións sobre os novos modelos de distribución audiovisual, en colaboración co festival Curtocircuíto; e outras dúas xornadas informativas MEDIA centradas nas modalidades de axuda ‘Single Project Funding’ e de desenvolvemento de proxectos e distribución para televisión. Ademais, desde o pasado mes de xullo, a Agadic forma parte do padroado da fundación Oficina MEDIA España, dedicada á difusión das posibilidades de financiamento europeo e á captación de fondos deste subprograma de Europa Creativa para os proxectos audiovisuais españois.