Nova: O CGAC percorre o universo artístico de Luis González Palma, un dos grandes expoñentes da fotografía latinoamericana
27/11/2015
O CGAC percorre o universo artístico de Luis González Palma, un dos grandes expoñentes da fotografía latinoamericana
O autor expón a retrospectiva Constelacións do intanxible, organizada pola Fundación Telefónica e que se poderá visitar ata o 13 de marzo
Esta fin de semana, o 28 e 29 de novembro, González Palma impartirá un taller dirixido a artistas e fotógrafos profesionais
Santiago, 27 de novembro de 2015.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle ata o 13 de marzo de 2016 a exposición ‘Constelacións do intanxible’, unha mostra de Luis González Palma (Guatemala, 1957) comisariada por Alejandro Castellote que abrangue a súa produción desde os anos 80 ata a actualidade.
O propio artista, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do CGAC, Santiago Olmo; e a responsable de proxectos de arte da Fundación Telefónica, Laura Fernández, presentaron en rolda de prensa a exposición, que percorre o universo íntimo e enigmático do fotógrafo nunha retrospectiva que aglutina máis de oitenta obras.
A mostra, que se puido ver no Espazo Fundación Telefónica de Madrid, no marco do festival PhotoEspaña, explora as posibilidades técnicas e formais da fotografía experimentando coa aplicación de betume de xudea e pan de ouro, redefinindo os límites entre fotografía e pintura, combinando imaxe e texto ou propoñendo unha experiencia escultórica da imaxe.
Identidade, memoria e introspección
O seu universo está formado por constelacións temáticas que orbitan ao redor da súa obra nun ciclo de permanente ida e retorno. A identidade e a memoria, a introspección, a intimidade, a reflexión sobre o poder e a representación do non visible son algúns dos grandes temas que sobrevoan a súa produción.
Ademais da selección da Fundación Telefónica, no CGAC poderán contemplarse varias fotografías das series ‘Vieiros’, que expuxo na Fotobienal de Vigo en 1996, e ‘Ara solis’ (2010), ambas as dúas estreitamente vinculadas con Galicia e co Camiño de Santiago.
Diversidade étnica e cultural
Na súa primera etapa, que se desenvolve a finais dos anos 80, o artista ten como obxectivo entender a diversidade étnica e cultural latente no seu país, con constantes mencións á súa historia, aos documentos xerados polo poder colonial e á memoria colectiva.
As súas obras conteñen numerosas referencias visuais e iconográficas configurando niveis de lectura e interpretación ambiguos e extremadamente sutís. A través do rostro e da mirada, González Palma explora aspectos inmateriais como o trauma, a perda, a dor e o silencio, todos eles sentimentos derivados da violencia vivida en Guatelama durante máis de cinco séculos.
Poucos creadores baseados na fotografía levaron tan lonxe as posibilidades e os límites do soporte fotográfico incorporando á súa obra elementos da pintura, a escritura ou a escultura.
A partir dos anos 90 a súa obra transita por un camiño que o leva do popular ao íntimo. Comeza a concentrarse na exploración da memoria e das obsesións persoais. É o que poderíamos identificar como unha segunda etapa na que o traballo derivado do contexto sociopolítico é abandoado progresivamente para dar paso a unha reflexión moito máis introspectiva.
Nas súas obras de 2002 a 2012, asuntos como a intimidade, a incomunicación, a frustración da paixón amorosa, a angustia e o desexo insatisfeito inundan o seu traballo. Actualmente, moitas das súas obras deixan de lado o retrato para centrarse nos espazos e obxectos que suxiren e evocan metáforas do mundo emocional do artista: cadeiras nas que non se pode descansar, obxectos que desprenden unha sensación de ameaza, presenzas ausentes ou escenarios desolados. Na súa maioría, imaxes ancoradas en espazos irreais e fantásticos con certos ecos surrealistas e un marcado aspecto teatral.
Experimentación coa abstracción
Na súa derradeira etapa, Palma experimenta coa abstracción intervindo fotografías antigas e novas a través do uso de figuras xeométricas e da cor, que lembran o concretismo e o neoconcretismo brasileiro. Coa superposición de formas abstractas sobre imaxes figurativas aborda unha vez máis a análise da mirada.
Nesta etapa atopa a súa máxima expresión no formato das catóptricas: fotografías proxectadas sobre cilindros ou dispositivos ópticos que reconfiguran a imaxe posada en horizontal nas que por máis que o espectador trate de buscar o punto de vista perfecto a imaxe permance sempre fragmentada, parcial e incompleta.
Autor latinoamericano fundamental
Luis González Palma naceu en Cidade de Guatemala en 1957. Despois de finalizar a carreira de Arquitectura, o seu interese pola arte, a pintura e a fotografía levárono a formarse máis intensamente nestes campos e a entrar en contacto con outros artistas guatemaltecos. En 1987 participou na creación de Imaxinaria, unha galería que acolleu en La Antigua as voces disidentes da arte do seu país. Máis tarde, a finais dos anos noventa, formou parte do grupo fundador de Colloquia, unha iniciativa destinada ao debate, á promoción e á difusión da arte contemporánea en Guatemala. Tras varias estancias en Europa e o seu regreso a Guatemala en 1998, o autor trasládase no ano 2001 a Córdoba, Arxentina, onde comeza a colaborar en varios proxectos con Graciela de Oliveira.
Desde as súas primeiras exposicións en Centroamérica, EEUU e Europa ata a actualidade, a súa obra foi fundamental para entender a fotografía latinoamericana. Entre as súas innumerables mostras individuais destacan as celebradas en The Art Institute of Chicago, The Lannan Foundation, The Australian Centre for Photography, o Palacio de Belas Artes de México, The Royal Festival Hall en Londres, o Palazzo Ducale dei Genova ou os museos MACRO e Castagnino de Rosario, Arxentina.Tamén participou en numerosos festivais internacionais e foi representante do seu país na 51ª edición da Bienal de Venecia.