Nova: A Cidade da Cultura organiza unha xornada sobre a figura do fotógrafo José Suárez

03/12/2015

A Cidade da Cultura organiza unha xornada sobre a figura do fotógrafo José Suárez

José Manuel Bonet, Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón analizarán a relación de Suárez coas vangardas europeas, a capacidade de capturar a dignidade do seu humano ou o seu cosmopolita periplo vital

‘A ollada da dignidade’ comezará cunha visita á exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ guiada por Alfonso Penela. A entrada é de balde previa inscrición
 

Santiago, 3 de decembro de 2015.- A Cidade da Cultura organiza o vindeiro 17 de decembro a partir das 16:30 horas unha xornada arredor da figura do fotógrafo galego José Suárez, a quen se lle dedica no Gaiás unha mostra retrospectiva da súa vida e obra no Museo Centro Gaiás, a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’.

Baixo o título ‘A ollada da dignidade’, varios expertos analizarán a conexión coa intelectualidade do seu tempo, a relación estética coas vangardas europeas, a capacidade para capturar a dignidade do ser humano, o seu cosmopolita periplo vital, así como o seu compromiso ético e o inexplicable esquecemento da súa figura.

Así, Juan Manuel Bonet, un dos nomes máis sólidos da crítica artística en España, xunto a Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, referentes na investigación da fotografía galega e comisarios da mostra, analizarán a obra de José Suárez e revisarán unha biografía na que se atopan moitas claves do seu traballo.

Previamente, Alfonso Penela, representante da arquitectura galega actual, realizará un percorrido guiado pola exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, unha montaxe que consegue potenciar a expresividade do branco e negro das fotografías.

‘A ollada da dignidade’ terá lugar o 17 de decembro ás 16:30 horas no Museo Centro Gaiás. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.gal.

Unha das figuras máis interesantes da fotografía do XX
José Suárez (Allariz, 1902 – A Guarda, 1974) é unha das figuras máis interesantes e destacadas da fotografía galega do século XX. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, José Suárez revélase como un artista consciente e meticuloso. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova visión ou a Nova obxectividade.

En ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o 27 de marzo de 2016, o visitante poderá contemplar series tan coñecidas e importantes como ‘Mariñeiros’ pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón ou das últimas que realizou na súa vida como ‘A Mancha’ (1965), xunto con obxectos persoais e documentación da época.

Comparte