Nova: A exposición da XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico chega a Ribeira con 29 obras inéditas de autores galegos e portugueses
03/12/2015
A exposición da XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico chega a Ribeira con 29 obras inéditas de autores galegos e portugueses
O Centro Cultural Lustres Rivas acolle desde hoxe e ata o día 27 de decembro a primeira parada da mostra en Galicia, logo do seu paso por Viana do Castelo
A Consellería de Cultura e Educación colabora co Eixo Atlántico nesta iniciativa
Ribeira, 3 de decembro de 2015.- A exposición da XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico 2015-2016 pode verse desde hoxe en Galicia. A mostra, que foi inaugurada esta tarde no concello de Ribeira, exhibirase ata o vindeiro día 27 de decembro no Centro Cultural Lustres Rivas, que foi o espazo elixido para a estrea da exposición na comunidade galega.
Un total de 29 traballos inéditos de creadores e creadoras galegos e portugueses, seleccionados entre máis de 100 traballos admitidos a concurso, conforman a exposición itinerante da bienal, promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular co apoio da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.
O galego Olmo Blanco, gañador da bienal
A pintura en acrílico sobre madeira tallada do galego Olmo Blanco Fuentes foi a obra gañadora do primeiro premio da bienal de 2015-2016. O segundo premio foi para os traballos ‘The first date’, de Rui Sousa, na categoría de autor portugués, e, na de autor galego, ‘Non teño nada’, de Raquel Martínez Ortiz. O premio de novos talentos recaeu en ‘Lady by the sea’, de Diogo Castro, e recibiron mención especial as obras ‘Somos erros na resaca V’, de Anaí Lago, e ‘Série III, Construção II’, de Maria de Fátima Teles da Silva.
Unha exposición única
A bienal, organizada polo Eixo Atlántico xunto coa Fundação dá Juventude (FJ) de Portugal, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, é a única exposición itinerante entre dous países da Unión Europea e ten como principal obxectivo favorecer un espazo de promoción e intercambio de novos creadores e creadoras da Eurorrexión.