Nova: O novo libro do cociñeiro André Arzúa compila máis de medio cento de receitas en galego

04/12/2015

O novo libro do cociñeiro André Arzúa compila máis de medio cento de receitas en galego

O segundo volume publicado por este chef presenta unhas receitas nas que sobresae a materia prima da nosa terra

Allariz (Ourense), 4 de decembro de 2015.- O restaurante A Fábrica de Vilanova, en Allariz, foi o escenario da presentación do segundo libro do seu chef André Arzúa. Baixo o título ‘André Arzúa – Cociña II’ compila algo máis de medio cento de receitas do seu autor, formado en Hostalaría en Santiago de Compostela, e que tras unha bagaxe en diferentes restaurantes puxo en marcha o seu propio proxecto en 2004: A Fábrica de Vilanova, ata a que acudiron personalidades e autoridades; entre elas, o secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García destacou a “alta calidade” deste libro de receitas en galego.

A experiencia que André Arzúa adquiriu e o traballo diario e intenso do restaurante, unido a unha investigación seria e esixente, deron lugar a este amplo receitario, posto en práctica no restaurante e reunido agora nestes volumes; o primeiro deles, esgotado. O segundo volume é un amplo libro de receitas que vén, ademais, ilustrado cun cento de instantáneas do fotógrafo e deseñador gráfico Alberte Sánchez. O limiar correu a cargo do antropólogo Marcial Gondar.

Cociña II
Case nove anos despois do seu libro de receitas ‘Cociña’ –obra con más de 300 receitas e froito da cociña de autor que practica este activo chef- chega o segundo volume. Raviolis de queixo de arzúa e noces con curry, crocante de San Simón con mouse de anchoa, desorde de verduras, paté caseiro con cogomelos, pescada en papillote con verduras deshidratadas e zamburiñas ou canelóns de boi de mar con algas son algunhas das receitas que descubriremos entre as duascentas páxinas deste manual.

O volume está ademais ilustrado cunhas fotografías, tanto das receitas coma de todo o que arrodea o mundo culinario, sen artificios, mesmo en branco e negro; e sen empregar produto químico algún (escumas, vernices, líquidos de fume,…) nos empratados.

 

André Arzúa
Andrés Manuel Arzúa Tizón naceu en Caldas de Reis (Pontevedra) e comezou desde moi pequeno a súa relación cos produtos da nosa terra vendendo froita coa súa nai e e a súa avoa por feiras e mercados.

Ao comezo do libro hoxe presentado, o psiquiatra Emilio Gónzález sinala sobre este cociñeiro que “[André] materializa nun prato infinidade de sentimentos que busca traducir en sabores, aromas e imaxes. Converte a comida nunha experiencia sensorial”.
 

Comparte