Nova: Oitenta profesionais do sector escénico debaten en Culturgal sobre a xestión pública de redes de espectáculos

05/12/2015

Oitenta profesionais do sector escénico debaten en Culturgal sobre a xestión pública de redes de espectáculos

A Agadic colabora coa asociación Escena Galega na organización deste foro profesional, que se desenvolve no Pazo da Cultura de Pontevedra como parte do programa da Feira das Industrias Culturais

A rede vasca Sarea e as estatais Danza a Escena e Platea centran as tres mesas redondas da xornada
 

Santiago, 5 de decembro de 2015.- Oitenta profesionais da artes escénicas asisten hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra á 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas', que organiza a asociación Escena Galega en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como parte do programa da segunda xornada da feira Culturgal.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, foron os encargados de abrir este foro profesional, a través do que se busca propoñer un debate sobre o funcionamento deste tipo de circuítos a partir do coñecemento de experiencias existentes noutros puntos de España en relación á xestión, promoción e difusión das artes escénicas a través de redes públicas de distribución.

Na súa intervención, Jacobo Sutil felicitou os organizadores da xornada, durante a que os asistentes están a recibir as experiencias doutras entidades e doutros sistemas escénicos: “Súmase a este proceso de diálogo compartido e continuo do que, de seguro, poderemos extraer conclusións interesantes e, en reciprocidade, agardo que tamén poidamos ter a oportunidade de achegar a nosa propia realidade”, asegurou.

O director da Agadic asegurou que, neste sentido, o panorama galego constitúe unha “rica e variada oferta, un tesouro tanto patrimonial como dinámico”, conformado polas propostas escénicas dos nosos creadores e creadoras como reflexo do pulso escénico do país. Así, por exemplo, no caso concreto dos circuítos promovidos pola Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño) tiveron lugar desde 2013 un total de 2.135 funcións escénicas (teatro, danza, maxia e novo circo) por toda Galicia.

Relatorios
Tras esta apertura, deu comezo o primeiro relatorio da xornada, centrado na Rede Vasca de Teatros SAREA, circuíto integrado por 54 teatros e participado polo Goberno Vasco, as deputacións forais e os concellos. A mesa estivo moderada por Mercedes Castro, vicepresidenta de Escena Galega, e nela participaron José Luis Ibarzábal Eguibar, do Departamento de Cultura do Goberno Vasco; Nekane Basterretxea, secretaria técnica de coordinación de Sarea; e Amaia Ibáñez, xerente de Eskena-Empresas de Produción Escénica Asociadas de Euskadi.

Xornada de tarde
A xornada de tarde estruturarase arredor doutras dúas mesas. A creadora Begoña Cuquejo será a encargada de presentar a primeira delas, centrada en Danza a Escena, circuíto artístico promovido polo Ministerio de Educación e Cultura, a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e desenvolvido pola Red Española de Teatros en colaboración cos seus espazos asociados co obxectivo de incrementar a presenza da danza na programación cultural mais a súa visibilidade social. O coloquio dará comezo ás 16.30 horas e nel participarán Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, presidente da Red Nacional de Teatros e Auditorios e coordinador da comisión de Danza a Escena, e Adela Fernández, coordinadora da Red para este circuíto coreográfico.

Esta 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas' concluirá cunha terceira mesa, programada para as 18.00 horas. Neste caso, o obxecto de debate será o programa Platea, circuíto estatal para a circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos municipais, que organiza o INAEM en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Xosé Paulo Rodríguez será o encargado de presentar as intervencións de Jesús Cimarro, presidente da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda), e de Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense.

 

Comparte