Nova: A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil nomea socia de honra a Helena Villar Janeiro

09/12/2015

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil nomea socia de honra a Helena Villar Janeiro

O acto de homenaxe á escritora tivo lugar  no instituto compostelán Arcebispo Xelmírez I, onde exerceu a docencia

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015.- A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil GÁLIX homenaxeou a escritora Helena Villar Janeiro co nomeamento de socia de honra da entidade, nun acto público que tivo lugar na capital de Galicia e ao que asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O IES Arcebispo Xelmírez I, centro educativo no que a homenaxeada exerceu a docencia, foi o escenario da entrega deste galardón, na que a escritora María Solar realizou a correspondente laudatio. Os alumnos e alumnas tiveron unha participación activa na homenaxe, coa lectura de textos da escritora, e o presidente de GÁLIX foi o encargado de lle entregar á autora unha escultura deseñada por Noemí López, que acredita o nomeamento.

Autoras e autores galegos de referencia como Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey, entre outros, foron homenaxeados en anteriores edicións con esta distinción de GÁLIX, entidade coa que a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando anualmente na coedición do Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, que serve como presentación en Galicia e no ámbito internacional (feiras do libro) da creatividade ga¬lega neste campo.

En 2014, a Biblioteca de Galicia incorporou aos seus fondos máis de 5.000 volumes de GÁLIX, que ten actualmente a súa sede na Cidade da Cultura de Galicia.

Comparte