Nova: O conselleiro de Cultura e Educación asistiu ao concerto da Coral de Ruada celebrado na catedral, un dos dous que esta fin de semana se programan no marco de Monumenta

28/06/2014

O conselleiro de Cultura e Educación asistiu ao concerto da Coral de Ruada celebrado na catedral, un dos dous que esta fin de semana se programan no marco de Monumenta

Vázquez Abad subliñou que estas actividades contribúen a promover un maior coñecemento e aprecio polo patrimonio restaurado

Ourense, 28 de xuño de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad,destacou no concerto da Coral de Ruada e Xurxo Souto que tivo lugar na Catedral de Ourense, dentro do ciclo Monumenta, que o seu departamento “vén de realizar uns traballos de restauración patrimonial que nos permiten gozar do mellor xeito posible dun herdo que os mestres do pasado nos legaron.” Tras felicitar aos intérpretes e ao equipo responsable do ciclo Monumenta Vázquez Abad invitou a “gozar dun concerto-faladoiro co que homenaxeamos a riqueza arquitectónica de Ourense, que non é outra que a riqueza de Galicia.”

O conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo delegado territorial na provincia, Rogelio Martínez.

Dous días de Monumenta
A iniciativa continúa a súa andaina esta fin de semana. En concreto, na ourensá praza de san Martiño as actividades deron comezo hoxe ás 19.00 horas coa proposta: ‘Monumenta, mans á obra’, onde se realizou un obradoiro para todas as idades no que experimentar cos procesos de restauración do patrimonio. Ás 20.30 horas tivo lugar ‘Monumenta en concerto’, no que o polifacético Xurxo Souto dirixiu un faladoiro-concerto que conduciu á celebración dun concerto coa Coral de Ruada que xirou arredor da restauración do Pórtico do Paraíso, o fito escultórico máis singular do templo.

A programación para mañá, domingo, trasládase á provincia de Lugo, concretamente ao castelo de Tovar en Lourenzá. Trátase dunha proposta moi completa onde se ofrece a oportunidade de participar en probas deportivas polo val de Lourenzá, xogos para todas as idades, visitas guiadas ao castelo de Tovar e diversas actividades que se prolongarán até as 20 horas.

Por outro lado ás 13.00 horas iniciaranse un ‘Faladoiro monumenta’, unha conversa entre veciños sobre a memoria do castelo de Tovar e o territorio. Unha hora máis tarde unha actuación musical e de baile coa Asociación Osorio Gutiérrez terá lugar no castelo para divulgar a tradición da música e do baile galego coa xente miúda da comarca a través da actualización de pezas recompiladas durante anos entre os maiores. Ás 17.00 horas, Fantoches presenta a través de ‘Monumento en escena’ un espectáculo de narración oral e música en directo ‘As pombas de Carboeiro’ coa técnica xaponesa do Kamishiba.

Por último, ás 18.00 horas, haberá unha clase maxistral de cociña por parte de Iago Castrillón co propósito de coñecer e recuperar unha receita tradicional como son as fabas con callos.

Dous anos dinamizando o patrimonio por toda Galicia
Neste intre estase a celebrar a segunda edición do programa Monumenta que chega da man da Xunta de Galicia para conseguir unha maior implicación da propia cidadanía na conservación e aprecio dos seus bens patrimoniais. Monumenta inclúe obradoiros sobre restauración, propostas lúdicas e de aprendizaxe e eventos musicais.

Este ano Monumenta ofrecerá máis de 30 actividades en monumentos galegos das catro provincias en colaboración coa veciñanza e con intérpretes e colectivos da nosa terra. Preténdese con iso dar a coñecer o patrimonio cultural galego a través dunha oferta de lecer cultural, ao tempo que se fai partícipe a sociedade dos procesos de restauración e conservación.

Ademais, o ciclo incorpora unha programación pedagóxica co alumnado dos centros educativos das áreas nas que se atopan os bens restaurados. O traballo previo nas aulas está directamente vinculado coas actividades levadas a cabo sobre o territorio e con elas búscase educar, divulgar e concienciar as futuras xeracións en materia de patrimonio.

 

Comparte