Nova: O conselleiro de Cultura e Educación salienta no Parlamento o impulso que se está a dar aos programas de dinamización cultural que levan música, obradoiros e distintas disciplinas artísticas a monumentos de toda Galicia
26/06/2014
O conselleiro de Cultura e Educación salienta no Parlamento o impulso que se está a dar aos programas de dinamización cultural que levan música, obradoiros e distintas disciplinas artísticas a monumentos de toda Galicia
Xesús Vázquez Abad fixo fincapé nas iniciativas postas en marcha pola actual Xunta, como Monumenta e Cultura no Camiño, e a continuación de outros como Espazos Sonoros
Trátase dunha aposta da Consellería pola difusión da nosa cultura e das tendencias innovadoras en todo o territorio, especialmente no rural
Santiago, 26 de xuño de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe no Parlamento de Galicia o impulso que o seu departamento está a dar aos programas de dinamización cultural en espazos de interese patrimonial, co triplo obxectivo de valorizar o patrimonio galego, promover actividades en todo o territorio e apoiar a difusión artística.
Neste sentido, Vázquez Abad sinalou que a Consellería está a manter programas consolidados e a construír novas programacións desde a colaboración no eido local. Así, fixo fincapé no programa Monumenta, posto en marcha por primeira vez no 2013 e ao abeiro do que, sumando as dúas edicións, se terán realizado máis de 60 actividades en monumentos galegos, en colaboración coa veciñanza e con intérpretes e colectivos da nosa terra. “Un programa que tivo unha gran acollida e que contou co beneplácito e o aplauso de entidades de referencia no sector”, dixo.
Así mesmo, salientou o programa ‘Cultura no Camiño’, do que este ano a Consellería e a Axencia de Turismo de Galicia celebran a segunda edición, como unha iniciativa “para dinamizar os concellos vinculados aos Camiños de Santiago e incentivar a distribución dos produtos culturais galegos máis actuais”. “Convencidos da súa utilidade – dixo- logo das preto de 105 funcións desenvolvidas o pasado ano por 56 colectivos artísticos en 42 municipios, este ano triplicaremos o número de funcións, até chegar ás 322, e dobraremos o número de concellos nas que se desenvolven, ata un total de 81”.
Renovación de programas con longo percorrido
Respecto dos programas con máis percorrido, o conselleiro fixo referencia a Espazos Sonoros, “que continuou afondando no diálogo entre as propostas artísticas máis singulares e o propio valor engadido dos espazos de interese arquitectónico nos que se celebrou, cunha quincena de actividades de alta calidade e estilos diversos desenvolvidas por unha ducia de formacións que, por suposto, terán plena continuidade este ano”.
Ademais, Vázquez Abad recordou que a Consellería promove ou colabora no desenvolvemento doutros ciclos de carácter local en diversos espazos patrimoniais senlleiros, como os Concertos de Outono na Ribeira Sacra -en colaboración co Consorcio de Turismo-, o Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera, o Ciclo de Órgano e Música Antiga de Xunqueira de Ambía, o Festival de Músicas Contemplativas ou os Concertos didácticos de Órgano de Celanova, entre outros.
Aposta polo rural
O conselleiro salientou a importancia da devandita oferta, especialmente no actual momento económico, que é proba do traballo do seu departamento a prol da integración de todas as disciplinas e tendencias e “sobre todo, apostando por unha dinamización cultural equilibrada en todo o noso territorio, en especial no noso rural, de xeito que todo galego e galega teña acceso ás manifestacións máis anovadoras da nosa cultura”.
Ademais, valorou estes programas como fitos de grande utilidade para reforzar o resto de actuacións de conservación e protección e “como estratexia a longo prazo para poder contar cunha sociedade máis concienciada e responsable, que coñeza e aprecie na súa xusta medida o legado do seu patrimonio local”.