Nova: A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación da 31ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
26/06/2014
A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación da 31ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
A programación, que dá comezo mañá venres cun pregón a cargo do director Andrés Lima, presenta por vez primeira en Galicia os últimos espectáculos das compañías de Miguel Ángel Solá, Paco Mir e Sol Picó, entre outros
Un total de 17 compañías de Galicia, Castela e León, Cataluña, Madrid, Arxentina e Portugal conforman esta carteleira, que se estende ata o 6 de xullo e inclúe tamén obradoiros, exposicións, debates e entregas de premios
Santiago, 26 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Santiago na presentación do programa da trixésimo primeira edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, unha cita que todos os anos o departamento autonómico apoia economicamente. Desde mañá venres 27 de xuño e ata o 6 de xullo presentará en diferentes espazos e rúas da cidade un total de 17 espectáculos de teatro, monicreques, danza e maxia, ademais dun extenso programa paralelo de obradoiros, exposicións, debates e entregas de premios.
En representación da Consellería de Cultura e Educación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiu este acto con María Armesto e Casilda García, integrantes da comisión organizadora do evento. Na súa intervención, o director da Agadic referiuse á profesionalidade que reflicte o conxunto de actividades propostas nesta edición e que –nas súas palabras– “encaixa co modelo de festivais que a Consellería considera estratéxicos e necesarios para impulsar as artes escénicas dentro da nosa Comunidade”.
Axudas a festivais
Neste sentido, Sutil lembrou que nos últimos dous anos a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recibiu o apoio económico de Cultura e Educación a través da convocatoria pública de subvencións a festivais escénicos e musicais, xestionada a través da Agadic co obxectivo de consolidar os papeis cultural e socioeconómico deste tipo de eventos profesionais. Nestes momentos, e ata o vindeiro sábado 28 de xuño, permanece aberto o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas a festivais correspondente a 2014.
Un total de 17 formacións artísticas, das que 10 son galegas e o resto proceden de Arxentina, Portugal, Castela e León, Cataluña e Madrid, configuran o cartel que a Mostra de Cangas preparou para este ano e que será inaugurada mañá venres co pregón que o recoñecidos director teatral Andrés Lima ofrecerá no Auditorio Municipal ás 22.30 horas.
Neste mesmo espazo terán lugar as estreas en Galicia de destacadas propostas internacionais, que chegan ao Morrazo da man de grandes nomes da escena como Miguel Ángel Sola, que o sábado 28 representa Como por un tubo xunto á compañía arxentina La Típica en Leve Ascenso; Paco Mir con Clochard, dos cataláns Grappa Teatro (domingo 29); ou a compañía de danza de Sol Picó con One Hit Wonders (venres 4 e xullo).
A carteleira que se despregará no Auditorio inclúe tamén a estrea absoluta de O Ogrocho (mércores 2 de xullo), montaxe para público familiar coproducida pola propia Mostra xunto á compañía de Cangas Ningures Produción. Este escenario municipal acollerá, así mesmo, os espectáculos Meu ben de Eme2 Producións (mañá venres), Tempestad da compañía madrileña Barco Pirata (xoves 3 de xullo), Macbeth da Companhía do Chapitô de Portugal (sábado 5 de xullo) e Ultranoite no país dos ananos de Chévere (domingo 6 de xullo).
Teatro na rúa e en espazos alternativos
Ao tempo, esta trixésimo primeira edición estenderase a outros espazos e rúas da cidade. Neste sentido, a programación atoparase cos viandantes a través da sección específica Teatro na rúa, para a que se conta coa participación das formacións galegas Fantoches Baj, Peter Punk, O Mago Paco e Ánxela Blanco e Fabiana Corrêa, xunto coas compañías Miguelillo de Castela e León e Kanbahiota de Madrid.
A Salasón e a Capela do Hospital súmanse, así mesmo, á celebración a través do apartado Teatro en espazos alternativos, dentro do que se ofrecerán as propostas presentadas por Chévere (As fillas bravas), Lado & Aldao (Con des poemas por barba) e Ibuprofeno Teatro (Vulto).
Como en anteriores entregas da Mostra, o seu programa de exhibición de espectáculos complementarase cunha serie de accións paralelas formativas e divulgativas de relevancia. Neste último apartado destacan o taller de interpretación impartido por Andrés Lima e os obradoiros Representacións do inconsciente, por María Arboleda e Equipo, e Autocoñecemento para o cambio, por Tareixa Ledo Regal, así como as XIV Xornadas Mulleres en Acción e unha nova edición do Revoltallo de Pedra, a través do que se ofrecerá unha mostra do traballo de distintos colectivos cangueses.
Neste programa complementario tamén haberá lugar para o debate en dúas xornadas de encontro profesional e para a entrega do XVIII Premio Xiria ao Labor Teatral a Etelvino Vázquez, director, actor, autor e pedagogo teatral nado en Asturias e con fortes vínculos profesionais en Galicia, así como do Premio Mulleres en Acción que este ano se outorgou ex aequo á Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (Cima) e á Tertulia Feminista Les Comadres.