Nova: Nadal en Rede dálle a benvida ao 2016 coas súas propostas para toda a familia

01/01/2016

Nadal en Rede dálle a benvida ao 2016 coas súas propostas para toda a familia

‘A cantar con… a Gramola Gominola’ e ‘Cantos contos no Nadal’ visitan seis localidades de Galicia

Foz e Verín reciben esta fin de semana a ‘Xira de Nadal dos Bolechas’

O Portal da Lingua Galega axúdanos a festexar o Nadal en galego cunha ampla oferta de recursos dixitais
 

  • Nada en Rede
  • ‘Nadal en Rede’ ‘Nadal en Rede’
  • ‘Nadal en Rede’ ‘Nadal en Rede’

Santiago, 1 de xaneiro de 2016.- A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘Nadal en Rede’, promovido desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, convídanos a celebrar en galego estas datas do Nadal. As actividades, que están a percorrer Galicia entre o 22 de decembro, chegarán desde mañá sábado e ata o vindeiro martes ás seguintes localidades da RDL: A Rúa, Celanova, Corcubión, Curtis, Sober e Verín; logo de ter percorrido outros 24 concellos.

Reggae, funk e moito rock en ‘A cantar con… A Gramola Gominola’
A primeira banda de rock infantil en galego presenta ‘A Cantar con… A Gramola Gominola’, un espectáculo no que se destacan valores fundamentais como a amizade, a familia, a natureza ou a vida saudable desde o rock, o reggae, o heavy, o funk ou o ska, para que os cativos vibren sempre en galego.

Poderase gozar, con entrada de balde ata completar aforo, mañá sábado na Rúa (ás 12:00 horas, no Centro Cultural Avenida) e en Celanova (ás 18:30 horas, no Auditorio Ilduara, en colaboración coa Mancomunidade Intermunicipal Terras de Celanova). O lúns será a quenda de Verín (ás 17:00 horas, no Pavillón Municipal).

Música e contacontos en ‘Cantos Contos no Nadal’
O coñecido músico Pablo Díaz, protagonista de éxitos infantís como ‘Tic-Tac', 'Toc-Toc’ e ‘Xente miúda, moita fartura’ cítase co público máis cativo para aprenderlle a contar e a cantar en familia, mediante unha proposta participativa de contacontos inspirados nos seus traballos e na tradición oral galega titulada ‘Cantos contos de Nadal’.

Tamén con entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade dos espazos, poderase gozar desta actividade o domingo en Corcubión (ás 12:30 horas, na Casa da Cultura), e o luns en Curtis (ás 12:00 horas, no Edificio Multiusos) e en Sober (ás 17:30 horas, no Centro Sociocultural).

Os Bolechas visitan Foz e Verín na fin de semana
Ademais de ‘Nadal en Rede’, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia outras iniciativas para dinamizar a lingua galega nestas datas. A colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con Edicións Bolanda na Xira de Nadal dos Bolechas está a levar a caravana da familia animada máis famosa de Galicia a varios puntos da nosa xeografía, con paradas en localidades da RDL.

Os Bolechas e as súas actividades chegarán durante a fin de semana ás provincias de Lugo e Ourense, mañá sábado, no CEIP de Foz e o domingo, ao Pavillón de Deportes de Verín, en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

Recursos dixitais para celebrarmos o Nadal en galego
'Nadal en Rede' tamén brinda ferramentas e recursos dixitais anovadores e exclusivos cos que festexar o Nadal en galego e promover o uso do idioma.

Todos están accesibles para a súa descarga de balde en www.lingua.gal e entre eles destaca a nova ‘Resposta dos Reis Magos’, unha ferramenta para elaborar doadamente unha resposta das Súas Maxestades de Oriente ás misivas enviadas polos cativos.
 

Comparte