Nova: Cultura e Educación seleccionou os seis novos intérpretes que reporán o espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’

25/06/2014

Cultura e Educación seleccionou os seis novos intérpretes que reporán o espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’

Foron elixidos por un tribunal tras a súa participación nas audicións que se desenvolveron durante a pasada semana no Salón Teatro e ás que concorreron 82 actores e actrices

Alba Blanco Dorrego, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde darán vida aos personaxes desta obra de Carlos Casares, que regresará aos escenarios en outubro

Santiago, 25 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer os integrantes do elenco da nova montaxe de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, para a que o Centro Dramático Galego (CDG) desenvolveu un proceso de selección ao que concorreron un total de 82 persoas. Alba Blanco Dorrego, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde son os seis seleccionados polo tribunal destas audicións, celebradas durante a pasada semana no Salón Teatro de Santiago e durante as que se valorou a interpretación en directo dos candidatos como actores, músicos e cantantes.

A meirande parte dos seleccionados forman parte dunha nova xeración de actores galegos, licenciados da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), pero que contan tamén con experiencia profesional nos escenarios. En setembro incorporaranse ao equipo do CDG para comezar os ensaios desta obra de Carlos Casares xunto ao luso-brasileiro José Caldas, na dirección escénica, e Bernardo Martínez, na musical. Ambos os directores xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para a compañía pública, que o reporá a partir de outubro como primeira produción da súa temporada 2014-15.

Probas de interpretación, música, canto e danza
Estes seis actores e actrices darán vida aos personaxes de Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, ideados por Carlos Casares como intérpretes dos diálogos, as cancións e os distintos instrumentos populares que se recollen en As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Para este fin, os elixidos tiveron que acreditar ante o tribunal a súa solvencia nas diferentes probas propostas, consistentes na interpretación dun texto libre a modo de pequeno monólogo e dunha mostra de Comedia dell’Arte, así como na execución de cadansúa peza de libre elección de danza, canto e interpretación dun instrumento musical.

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 oco I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural O Facho. Este foi, ademais, o texto elixido polo Centro Dramático Galego para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou, así mesmo, un notable éxito de público.

Comparte