Nova: Nenos e maiores gozan no Gaiás do festival solidario Cancións por regalos

01/01/2016

Nenos e maiores gozan no Gaiás do festival solidario Cancións por regalos

Furious Monkey House é unha das bandas que participan e vén de gravar o seu primeiro disco nos míticos estudios Abbey Road de Londres

Cancións por regalos é un festival onde non é preciso mercar entrada, só presentar un regalo, que a Asociación de Iniciativa Social Berce entregará a familias sen recursos
 

  • Imaxe do grupo Furious Monkey House Imaxe do grupo Furious Monkey House
  • Imaxe do grupo Furious Monkey House Imaxe do grupo Furious Monkey House

Santiago, 1 de xaneiro de 2016.- O Gaiá convida a estrear -cunha dose de música potente e solidariedade gozando en familia- unha nova edición do festival “Cancións por regalos”, que desta volta presenta como prato forte a unhas das bandas adolescentes revelación: os Furious Monkey House, grupo de Pontevedra que vén de gravar o seu primeiro disco “Run” nos míticos estudios Abbey Road de Londres.

Xunto a eles estarán o vigués Eladio Santos, o cantante de “Eladio e os Seres Queridos” que obtivo o Premio Galego da Música ao mellor banda Indie/Pop, e que ofrecerá unha actuación con chiscos para o público infantil. Completará o cartel, Sleeping Cat, grupo galego liderado por Jerry Noia, quen tamén levará ao Gaiás unha actuación diferente a habitual, pensando en sorprender a nenos e maiores.

“Cancións por Regalos”, organizado pola Cidade da Cultura e Ernie Producciones, é un festival no que non é preciso mercar unha entrada para acceder, senón que os asistentes deben acudir cun regalo que se doa á Asociación de Iniciativa Social Berce, que logo os distribúe entre familias sen recursos da comunidade para que poidan ter tamén as súas sorpresas o Día de Reis.

Furious Monkey House está integrado por cinco rapaces de Pontevedra de entre 11 e 13 anos, e o nome responde a que con eles toca tamén un “mono furioso”. Con formación musical sólida crearon esta banda no 2014 e xa a principios de 2015 gravaron un disco nos míticos estudios Abbey Road de Londres. Con influencia de Pixies, Nirvana, Cardigans ou Smashing Pumpkins, o seu primeiro disco “Run” e toda unha demostración de talento e enerxía sobre o escenario.

Con ‘Cancións por Regalos’ péchase a programación de ‘Nadal no Gaiás’, que contou este ano con Baboo Experiencie, Nadal Swing e Merenda de Nadal, actividades todas patrocinadas polo Fondo Gaiás da Empresa Galega.

Comparte