Nova: A celebración do 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán reforzará en 2016 a difusión do seu legado
08/01/2016
A celebración do 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán reforzará en 2016 a difusión do seu legado
A Xunta de Galicia e as principais entidades vinculadas co escritor impulsarán este ano unha programación especial de actividades para apoiar o coñecemento e a posta en valor da obra valleinclaniana
O secretario xeral de Cultura participou hoxe na Pobra do Caramiñal na apertura da mostra ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)’
Promovida polo Consello da Cultura Galega, a exposición afonda na dimensión internacional do autor a raíz da tradución das súas obras
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 9 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou que a efeméride dos 150 anos do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán constitúe “un marco singular e significativo para reforzar a difusión pública do seu legado”. “Por iso –dixo– desde a Consellería de Cultura e Educación, en colaboración coas principais entidades vinculadas co dramaturgo, imos apoiar durante este ano unha programación especial de actividades conmemorativas que presentaremos proximamente e que se desenvolverán ao longo do ano”.
Unha das entidades que participará activamente nesta celebración será o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, onde o secretario xeral participou na inauguración da exposición ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)’ esta mañá, no día no que se cumpren 40 anos da declaración de monumento histórico-artístico de carácter nacional da Torre de Bermúdez, un lugar de fonda significación valleinclaniana e sede da institución museística.
O Consello da Cultura Galega promove esta exposición, que afonda na dimensión internacional do escritor a raíz das traducións das súas obras a outras linguas. En representación da institución interviu no acto o seu presidente, Ramón Villares, xunto co alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; a comisaria da mostra e investigadora da cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosario Mascato Rey, e o director do museo, Antonio González Millán.
Unha obra atemporal
As traducións da súa obra a outras linguas, realizadas en vida do autor, dan conta da súa “proxección exterior, do interese que espertou entre os seus coetáneos, en diferentes lugares do mundo, a obra atemporal e moderna dun escritor universal que mantivo unha estreita vinculación coas súas orixes galegas”, comentou Anxo Lorenzo.
A exposición do Consello da Cultura Galega permanecerá no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ata o vindeiro 10 de febreiro, logo do seu paso polo Colexio de Fonseca, sede da Biblioteca Central da USC; polo Instituto Cervantes de Lisboa, pola Academia de España en Roma, e pola Casa Museo do Cuadrante en Vilanova de Arousa, entre outros espazos.
A dimensión internacional de Valle-Inclán
Formada por catorce paneis que afondan na dimensión menos coñecida de Valle-Inclán, a exposición amosa o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de diferentes procedencias.
Os múltiples lazos do escritor co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia) e, tamén, cos países do Leste están presentes no proxecto expositivo sobre Valle-Inclán, cuxa obra foi traducida ao sueco, ao francés ao romanés, ao portugués, ao polaco, ao letón, ao italiano, ao islandés, ao inglés, ao húngaro, ao holandés, ao búlgaro e ao checo.