Nova: Impúlsanse actividades culturais no Concello de Mos a través da Fundación Pazo de Mos

13/01/2016

Impúlsanse actividades culturais no Concello de Mos a través da Fundación Pazo de Mos

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente da Fundación, Manuel Barciela, asinaron un protocolo para tal fin

  • O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente da Fundación, Manuel Barciela, asinaron un protocolo O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente da Fundación, Manuel Barciela, asinaron un protocolo

Santiago, 13 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, colaborará na dinamización e impulso de actividades culturais no Concello de Mos a través da Fundación Pazo de Mos. Así se reflicte no protocolo de colaboración asinado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Barciela, nun acto no que tamén estiveron presentes a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Educación, neste protocolo establécese un marco xeral de colaboración que se deberá ir concretado ano a ano en actividades específicas. Román Rodríguez salientou a importancia da cooperación entre institucións e administracións para levar a cabo iniciativas que redunden nun beneficio sobre os cidadáns, neste caso sobre os veciños e veciñas de Mos.

O conselleiro aproveitou para agradecer o traballo da Fundación Pazo de Mos a prol da difusión da nosa cultura e, así mesmo, loou o labor Concello neste ámbito, con moitas das súas actividades neste Pazo a través da Fundación que o xestiona e que está integrada por representantes veciñais.

Ao abeiro deste protocolo, elaborarase un plan de actuacións culturais que de se desenvolverán no Pazo de Mos. Para iso, a Consellería de Cultura e Educación prestará o seu apoio no desenvolvemento de liñas de actuación e de realización de eventos culturais en Mos a través da Fundación Pazo de Mos. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta colaborará na difusión pública das actividades culturais organizadas pola Fundación Pazo de Mos.

Pola súa banda, a Fundación Pazo de Mos comprométese a establecer unha programación de actividades que repercutan na promoción cultural e creativa de Mos e difundir e levar a cabo esa programación.

Este acordo enmárcase no apoio que a Consellería lle vén ofrecendo a fundacións e asociacións para o desenvolvemento da súa actividade, entre as que destacan fundacións de autor como a Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Eduardo Pondal e Vicente Risco, xunto con diversas entidades das catro provincias galegas tamén de referencia no ámbito cultural.

Comparte