Nova: Cultura e Educación apoia a convocatoria do I Concurso de Micropoemas José García Nieto
09/07/2014
Cultura e Educación apoia a convocatoria do I Concurso de Micropoemas José García Nieto
O obxectivo é fomentar a creación poética e conmemorar o centenario do nacemento do escritor e académico
Santiago, 9 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, colabora coa Fundación José García Nieto para convocar o I Concurso de Micropoemas José García Nieto, que leva o nome do Premio Cervantes asturiano. O obxectivo deste certame é, ademais de irmandar ambas entidades, o de fomentar a creación poética e conmemorar así o centenario do nacemento deste poeta que durante máis de cincuenta anos compartiu amizade con Camilo José Cela.
O concurso, que xa comezou o pasado 6 de xullo, non finalizará ata o 20 de setembro. Neste período calquera persoa maior de idade poderá publicar, na páxina web do certame, un poema, no que se integren, no lugar no que se considere adecuado para favorecer a intertextualidade, os seguintes versos de José García Nieto tomados da primeira parte do ‘Nuevo elogio de la lengua española’: “he escrito Amor y se ha llenado todo / de hondísima templanza”.
A extensión total do micropoema oscilará entre os oito e os catorce versos, deben estar escritos en castelán e ademais non existen restricións en canto a temática e as formas métricas. O listado definitivo de pezas admitidas a concurso farase público o vindeiro 27 de setembro.
Sistema de votación
Para decidir a quen se lle outorga o primeiro premio e accésits, un xurado profesional fará unha selección entre o 20% dos traballos máis apoiados logo dun período de votación que durará dende o 30 de setembro ata o 15 de outubro e no que solo se contabilizarán os votos realizados polos participantes no concurso. Deste xeito, cada usuario poderá respaldar a todos os traballos que queira pero solo unha vez a cada un e nunca a si mesmo.
Ademais, para optar a estes recoñecementos cada micropoema deberá conseguir polo menos o 1% dos votos totais emitidos. Deste xeito lograrán pasar á seguinte fase na que un xurado de persoas de recoñecido prestixio no ámbito da crítica e da creación literaria votará e escollerá aos traballos gañadores.
Para seleccionar a Mención especial do público realizarase unha votación entre todos os traballos durante o período comprendido entre o 30 de setembro e o 15 de outubro. Nesta selección poderá participar calquera persoa e computarán todos os votos rexistrados.
Logo de que se faga público o fallo o 15 de novembro na páxina web, realizarase unha entrega de premios no Ilustre Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade de Madrid.