Nova: Nomean a Xesús Alonso Montero socio de honra do Instituto de Estudios Carballiñeses

16/01/2016

Nomean a Xesús Alonso Montero socio de honra do Instituto de Estudios Carballiñeses

O presidente da RAG acada esta distinción polos ‘seus méritos e compromisos co Instituto de Estudios Carballiñeses’, indican desde esta entidade

 

O Carballiño (Ourense), 16 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu no Carballiño ao acto de nomeamento do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, como socio de honra do Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC).

Ao acto, celebrado na Casa da Cultura da localidade, asistiron autoridades, amigos, socias e socios da entidade que quixeron manifestar a súa adhesión a un acto que honra ao intelectual e profesor que sempre alentou a actividade deste instituto de estudos.

Valentín García, quen foi alumno do homenaxeado na Universidade de Santiago, cualificou a Alonso Montero como catedrático ‘sabio e entrañable, sempre pendente dos seus discípulos’.

A Asemblea Xeral de Socios do IEC acordara, por unanimidade, o 11 de setembro pasado o nomeamento como socio de honra de Xesús Alonso Montero en virtude da análise dos seus méritos e compromisos co Instituto, xa que colaborou sempre nas súas publicacións, conferencias, mesas redondas, etc.

Xesús Alonso Montero, catedrático, escritor, mestre, pensador, orador… súmase así á sobresaínte listaxe de nomes de socios de honra do IEC: o catedrático de Ética Javier Sádaba Garay, o catedrático de Antropoloxía e Filosofía da Ciencia Camilo José Cela Conde, a doutora en Psicoloxía Jenny Moix ou a filósofa Luz Marina Barreto.

Ademais, acordouse dedicarlle o número trinta da revista ‘Ágora do Orcellón’ de xeito monográfico a Alonso Montero, habitual colaborador da publicación. Este número ademais, suma colaboracións de familiares, escritores, profesores, académicos, publicistas… que analizan diferentes trazos do perfil do novo socio de honra; entre eles, o propio secretario xeral de Política Lingüística, quen fai as súas achegas desde a súa faceta como discípulo.

O Instituto de Estudios Carballiñeses
O IEC é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que se fundou en 1999. Desde aquel ano, vén realizando unha serie de actividades culturais entre as que destaca a publicación semestral da revista ‘Ágora do Orcellón’, e na actualidade conta con máis de douscentos socios.

Os obxectivos do Instituto, tal e como recollen os seus estatutos son fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes, etc. así como en todas as manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca.

A estrutura desta entidade organízase por seccións, todas elas con actividade autónoma, entre elas están as de Etnografía e Arqueoloxía, Toponimia, Filoloxía, Literatura e Arte, Antropoloxía, etc.

Os socios colaboran e acceden aos dous números anuais da revista ‘Ágora do Orcellón’ e a participan de forma activa en todas as actividades do Instituto.

A xunta de goberno da entidade está composta por Avelino Muleiro (Director), Xosé Luís García (Vicedirector), Ana Isabel Rodríguez (Secretaria), Xosé Luís Blanco Nogueira (Vicesecretario), Perfectino Fontaíñas (Tesoureiro) e Manuel Torres (Vicetesoureiro).
 

Comparte