Nova: Ramón Loureiro recompila en Diarios as súas vivencias da última década

20/01/2016

Ramón Loureiro recompila en Diarios as súas vivencias da última década

O escritor e xornalista presentou esta obra, publicada por Eurisaces Editorial, na libraría Rayuela en Vigo

  • Portada Diarios Portada Diarios
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación de Diarios
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na presentación de Diarios

Vigo, 20 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou en Vigo na presentación do libro ‘Diarios’ (Eurisaces Editora), unha obra que, segundo afirmou, nos ofrece a oportunidade de afondar na escrita de Ramón Loureiro a través doutros rexistros, tanto vitais coma estilísticos”. O escritor e xornalista de Fene é o autor deste traballo no que, en palabras de Anxo Lorenzo, “as opinións, os apuntamentos e as lembranzas do escritor conviven cos personaxes que o acompañaron literariamente”.

Nun acto celebrado na libraría Rayuela, no que interviron o propio autor e o editor Javier González, o secretario xeral referiuse á influencia na escrita de Loureiro dos clásicos da literatura, na que non falta a súa admiración pola tríade formada por Álvaro Cunqueiro, por Torrente Ballester e por Carlos Casares”.

Tamén fixo mención ao prólogo de César Antonio Molina, no que aporta “unha interesante reflexión sobre a esencia mesma do diario como creación, como monólogo interior, no que o autor se converte nun actor que escoita, que medita, que observa no seu camiñar pola vida”.

Xornalista, escritor, fotodocumentalista e académico de número da Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo, Ramón Loureiro (Fene, 1965) é autor de numerosas obras de ensaio e narrativa, entre as que se inclúen ‘As galeras de Normandía’, ‘León de Bretaña’ e ‘El lejano reino de la Vía Láctea’, que conforman a ‘Triloxía do Norte’. Ten participado en diversas obras colectivas e conta tamén con obra infanto-xuvenil.

Comparte