Nova: Remata o prazo para a presentación de traballos para o concurso-exposición Letras Galegas 2016

22/01/2016

Remata o prazo para a presentación de traballos para o concurso-exposición Letras Galegas 2016

Poden participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

As dúas mostras gañadoras recibirán un premio de 2.000 euros cada unha e percorrerán máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior
 

Santiago, 22 de xaneiro de 2016.- Este venres remata o prazo de presentación dos traballos para o concurso-exposición das Letras Galegas 2016, que se dedica a Manuel María, e que está dotado con dous premios de 2.000 euros cada un. Tal e como se recolle nas bases, poderán participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en dúas categorías: unha, para os centros de educación infantil e primaria; e outra, para os centros de educación secundaria e bacharelato, de formación profesional e de ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas. Aqueles nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías anteriormente citadas.

Os grupos de traballo que elaboren a exposición gañadora en cada unha das dúas categorías recibirán como premio 2.000 euros; ademais, as súas mostras será impresas e distribuídas en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais, casas da cultura, etc.

Temática dos traballos
O eixe temático da exposición será a obra, a época e a lingua de Manuel María e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que este autor viviu, observada desde unha perspectiva multidisciplinar, e onde o percorrido biográfico sexa a principal liña argumental para abordar a realidade complexa e heteroxénea á que se referencia a súa obra.

A exposición contará de 10 carteis de 70 x 50 cms, e para cada un deles elaborarase unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Estas actividades xuntaranse á exposición en forma de guía ou cuestionario e a súa extensión non superará as 20 páxinas.

Criterios de valoración
O xurado terá en conta a ampliación da perspectiva de coñecemento do autor homenaxeado; a inclusión de actividades dirixidas a distintos ámbitos de coñecemento, ademais das correspondentes aos seminarios que teñen relación co fomento da lingua galega e a obra do autor; o nivel de implicación e incidencia na comunidade educativa; o carácter motivador e a orixinalidade da proposta; e a orde, claridade, coherencia e corrección gramatical na presentación.

Este xurado estará composto pola persoa titular da Subdirección Xeral de Política Lingüística, a súa homóloga da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, e un asesor técnico encargado dos contidos educativos. A convocatoria completa pódese consultar en http://ir.gl/873f2d
 

Comparte