Nova: Poética da derrota afonda na estreita relación da obra de Wenceslao Fernández Flórez co cine

22/01/2016

Poética da derrota afonda na estreita relación da obra de Wenceslao Fernández Flórez co cine

Hector Paz é autor deste minucioso estudo, que analiza as adaptacións cinematográficas do autor de 'O bosque animado' na década do corenta

Cultura apoiou este proxecto e a creación da páxina web da fundación co fin de contribuír ao recoñecemento dunha destacada figura na historia cultural da Galicia do século XX

 

Cambre (A Coruña), 22 de xaneiro de 2016.- Difundir a estreita relación entre a obra literaria de Wenceslao Fernández Flórez e o mundo do cine, unha relación pouco coñecida mais verdadeiramente prolífica, é o principal obxectivo do libro ‘Poética da derrota’, no que Héctor Paz ofrece un minucioso estudo sobre as adaptacións cinematográficas do escritor coruñés na década dos corenta.

Na presentación da obra, publicada pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez na editorial Vía Láctea co apoio da Consellería de Cultura e Educación, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aludiu ao sentido cinematográfico do escritor en toda a súa produción literaria e destacou o seu “xeito natural de lle fornecer ao cine materiais transformables en películas consistentes”. ‘Poética da derrota’ ten “un papel revelador” verbo dun narrador galego que soubo gañar espazos alén de calquera límite, dixo o secretario xeral, quen convidou a “saborear o que estas páxinas reflicten de nós, das novas artes, dos significados da literatura”.
 

O escritor, na rede

Na presentación tamén se deu a coñecer a páxina web da entidade, que inclúe numerosa información biográfica e documental sobre o escritor con acceso a investigadores, así como toda a actividade vinculada á súa casa-museo.

O secretario xeral de Cultura, Héctor Paz e mais o presidente da fundación, Xosé Luís Castro de Paz, presentaron esta tarde os dous proxectos na sede da entidade, en Cecebre. Como colofón, tivo lugar un acto simbólico de recepción dos 84 tomos depositados polos herdeiros e presidentes de honra da fundación, Antonio Luis e Wenceslao Fernández Flórez.

A publicación da obra e a creación do portal web da fundación contaron co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando coa actividade desenvolvida polas principais fundacións de autor galegas, entre as que destacan as fundacións Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Eduardo Pondal e Carlos Casares, entre outras.

‘Poética da derrota’
‘Huella de luz’ (Rafael Gil, 1943), ‘La casa de la lluvia’ (Antonio Román, 1943) e ‘Ha entrado un ladrón’ (Ricardo Gascón, 1949), baseadas nos orixinais literarios homónimos, xunto con ‘El destino se disculpa’ (José Luis Sáenz de Heredia, 1944) –rodada a partir do relato breve ‘El fantasma’–, compoñen o corpo analítico deste estudo que pretende poñer en valor un dos escritores galegos máis importantes do século pasado.

Comparte