Nova: A Rede Galega de Salas ofrece case 60 funcións escénicas ata xuño
23/01/2016
A Rede Galega de Salas ofrece case 60 funcións escénicas ata xuño
Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo conforman este circuíto de distribución de espectáculos en escenarios de titularidade privada e capacidade reducida
Un total de 28 compañías actuarán este semestre como parte desta programación, na que sobresae a oferta dirixida ao público infantil e familiar
Santiago, 23 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programará durante este primeiro semestre de 2016 un total de 58 representacións escénicas como parte da oferta cultural que achega a través da Rede Galega de Salas. Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo conforman este circuíto de exhibición de espectáculos, financiado integramente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Contribúese deste xeito ao mantemento da actividade das salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida que, porén, reúnan os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Neste primeiro período de programación anual son 28 as compañías que dan forma á carteleira da Rede Galega de Salas, para a que se conta cun orzamento próximo aos 28.500 euros.
Propostas para público familiar
Este circuíto iniciou a súa actividade en 2007, ofrecendo dende entón un catálogo de propostas caracterizado pola multidisciplinariedade e no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar. De feito, este último tipo de propostas supón máis dun 65 por cento das actuacións contratadas no circuíto de xaneiro a xuño.
A meirande parte destes espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de compañías galegas: A Illa dos Nenos, A Cova das Letras, A Xanela do Maxín, APP Creacións, Artello Teatro, Caramuxo Teatro, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Floristería, Galitoon, Katarsis Educación e Teatro, Ningures Produción, Os Contos de Pablísimo, Teatro da Semente, Títeres Alakrán, Títeres Cachirulo, Trinketrinke Teatro e Xarope Tulú. En canto ás propostas teatrais para público adulto, a oferta galega está conformada por Aflera Producciones, Anómico Teatro, Ibuprofeno Teatro, Matrioshka Teatro, Teatro Ensalle e Xerpo Cultural.
A Rede Galega de Salas dá forma xunto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e á Rede Galega de Música ao Vivo á carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla de Galicia, que durante este semestre ofrecerá un total de 500 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo en 79 espazos de toda Galicia.
A programación das tres redes pode consultarse nos webs www.cultura.gal/gl/axenda e www.agadic.gal/Axenda.