Nova: O Arquivo Dixital Integrado porase en marcha este ano
24/01/2016
O Arquivo Dixital Integrado porase en marcha este ano
Como punto de partida, o Arquivo Electrónico Patrimonial conterá máis de 275.000 documentos dixitalizados procedentes dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense e do Arquivo do Concello de Tui
Custodiará toda a información que xera a Administración autonómica e súa entrada en funcionamento posibilitará a tramitación totalmente electrónica e a conservación do patrimonio documental galego
Santiago, 24 de xaneiro de 2016.- A Xunta de Galicia porá en marcha este ano 2016 o Arquivo Dixital Integrado, unha infraestrutura tecnolóxica situada no Centro de Proceso de Datos do Gaiás, e que nace ao abeiro do desenvolvemento do Proxecto europeo ‘ARPAD’, que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España – Portugal (POCTEP). Unha vez entre en funcionamento, actuará como nodo central de custodia de toda a información que xera a Administración autonómica, posibilitando ademais a tramitación integramente electrónica e a conservación do patrimonio documental galego.
Esta plataforma tecnolóxica incluirá dúas áreas diferenciadas: o Arquivo Electrónico Administrativo e o Arquivo Electrónico Patrimonial. O Arquivo Electrónico Administrativo funcionará como pedra angular da Administración electrónica, permitirá eliminar progresivamente o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa. No primeiro trimestre de 2016 estarán xa integrados no Arquivo Electrónico 100 procedementos administrativos cuxa xestión será integramente electrónica.
Pola súa parte, o Arquivo Electrónico Patrimonial conterá máis de 275.000 documentos dixitalizados procedentes dos Arquivos do Reino de Galicia, do Histórico Provincial de Ourense e do Concello de Tui. Este Arquivo Electrónico Patrimonial será compatible con proxectos europeos como Europeana (punto común de acceso aos fondos das bibliotecas, arquivos e museos de toda Europa). A previsión é que os seus fondos estean accesibles desde o Portal de Difusión do Patrimonio Documental de Galicia no primeiro trimestre de 2016.
O novo marco legal
Ademais de no 'ARPAD', o Arquivo Dixital Integrado vén a cumprir co mandato da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia; o novo marco legal publicado polo actual Goberno galego. En concreto, co artigo 17.2, que sinala que "a Xunta de Galicia promoverá a converxencia de arquivos, bibliotecas e museos na conservación e acceso ao patrimonio documental a través de directrices e políticas integradas para a súa dixitalización e difusión".
O obxectivo principal desta nova lei é organizar e impulsar o sistema arquivístico galego, adaptándoo á nova realidade e aos cambios que se están a producir no ámbito dos documentos e arquivos públicos, e para garantir o acceso, a conservación e a difusión do patrimonio galego. Para iso, a norma regula por vez primeira no ámbito da nosa Comunidade Autónoma o papel dos arquivos no medio electrónico, para o que aborda os novos retos da administración electrónica e da dixitalización de documentos. Deste xeito, a nova lei baséase nun enfoque actual e modernizador e articula unha xestión documental eficaz e eficiente, baseada na coordinación entre todos os arquivos da rede de arquivos de Galicia, que ten como centro cabeceira desa rede o Arquivo de Galicia.
O marco normativo, que responde á nova realidade e ás necesidades dos arquivos e dos seus profesionais, tamén delimita o que se considera documento público en Galicia e regula a organización, funcionamento e finalidade dos arquivos. Así mesmo, define os dereitos e as obrigas relativos aos arquivos públicos que deben contar co persoal e cos recursos materiais necesarios para garantir o servizo aos usuarios e ás usuarias.