Nova: A Xunta e a Armada colaborarán no rexistro, documentación e catalogación do pecio localizado xunto á ponte dos Santos en Ribadeo

25/01/2016

A Xunta e a Armada colaborarán no rexistro, documentación e catalogación do pecio localizado xunto á ponte dos Santos en Ribadeo

A actuación realízase como parte dun programa de estudios realizados por Cultura á fin de elaborar o inventario do patrimonio mergullado

Santiago, 25 de xaneiro de 2016.- O martes, día 26, técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultura, en colaboración co club de mergullo Cas e a Armada, teñen previsto actuar nun pecio de madeira descuberto xunto á ponte dos Santos en Ribadeo. A actuación realízase co obxectivo de inventarialo para a súa protección e recoller os materiais arqueolóxicos soltos, susceptibles espolio. Esta actuación realízase como parte dun programa de estudios sistemáticos da costa galega realizados pola Consellería de Cultura e Educación á fin de elaborar o inventario do patrimonio mergullado, para o seu coñecemento e protección efectiva.

Nos últimos anos a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén desenvolvendo un programa de arqueoloxía subacuática avanzando na elaboración do inventario do patrimonio arqueolóxico mergullado. O punto de partida deste programa é a base documental dos naufraxios de interese histórico rexistrados nas costas galegas. Esta base documental recolle os naufraxios dos que figura algunha referencia documental pero dos que, na súa maior parte, se descoñece a súa localización precisa.

Metodoloxía de actuación
Nestes estudios, de acordo coa Convención sobre a Protección do Patrimonio Cultural subacuático, utilízanse sobre todo técnicas e métodos de exploración non destrutivos, como é a realización de prospeccións visuais e xeofísicas. Neles considérase a conservación in situ do patrimonio cultural subacuático como a opción prioritaria para a súa protección. Tan só baixo determinadas circunstancias e valorada a súa necesidade, como é o perigo de espolio dalgún obxecto de interese, lévase a cabo a extracción e recuperación deste material, garantindo en todo caso a súa posterior conservación.

Avances na localización e rexistro
Como continuidade dos traballos de prospección arqueolóxica subacuática e de cartografía dos pecios, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos últimos anos, 2014 e 2015, continuou a desenvolver traballos específicos de localización e de rexistro deste patrimonio arqueolóxico en diferentes puntos da costa da nosa comunidade autónoma.

Comparte