Nova: Edítase en galego Historias de Compostela, de Filgueira Valverde
26/01/2016
Edítase en galego Historias de Compostela, de Filgueira Valverde
Está composta por dezasete crónicas coas que o polígrafo pontevedrés homenaxeou á cidade de Santiago
Santiago, 26 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García salientou “a importancia que ten dispoñer da obra de Filgueira Valverde no idioma propia de Galicia, polo gran valor que o autor ten como polígrafo e piar fundamental da nosa lingua e cultura”, na presentación da primeira tradución ao galego de ´Historias de Compostela´, nas que o ilustre pontevedrés compilou dezasete crónicas que lle dedicou á capital de Galicia.
No acto, celebrado na Fundación Torrente Ballester, o responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia subliñou que “as súas publicacións sobre Compostela incrementan o seu valor, pois son referencias fundamentais á historia e proxección do final do Camiño e da capital xacobea”.
Contando relatos, cantando melodías
Foron varios centos de traballos os que Xosé Filgueira Valverde escribiu sobre Santiago. Nestas ‘Historias de Compostela’, o autor vese a si mesmo como un compilador daqueles que andaban aos camiños da vella Europa, contando relatos e cantando melodías; dos que armaban historias para faceren máis doada a peregrinación do todos quen ansiaban Compostela.
A presente edición xorde ao abeiro da celebración, o pasado ano, do Día das Letras Galegas dedicado a Xosé Filgueira Valverde. Foi en 1970, na editorial compostelá Bibliófilos Gallegos (cofundada en 1949 polo propio autor), onde estas crónicas viron a luz como libro. Os textos, orixinalmente en castelán, tiveron unha segunda edición, facsimilar e de peto, en 1982, baixo o selo de Edicións Xerais.
Desta volta aparecen por primeira vez en galego, nunha coedición do Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. O traballo de tradución correu a cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e pretendeuse manter o máis fiel posible ao estilo e aos xiros orixinais do escritor, limitándose a mínimas correccións tipográficas e de puntuación.
As dezasete crónicas
A case vintena de historias que compoñen esta compilación está á súa vez dividida en catro grandes grupos: Da Compostela medieval, Señor Sant-Iago, A festa barroca e Varia lección. Nelas, Filgueira Valverde traza un percorrido que vai desde os cantos e as narracións do Camiño da Peregrinación ou os datos e conxecturas para a biografía do Mestre Mateo ata unha guía de Santiago por agudezas; pasando, ao longo das 344 páxinas do volume, pola iconografía de Santiago e o gravado compostelán, a recepción dos arcebispos no século XVII ou as ‘Fiestas Compostelanas’ de San Pío V.