Nova: O Centro Galego de Barcelona recoñece o labor de Basilio Losada a prol de Galicia e da súa cultura
30/01/2016
O Centro Galego de Barcelona recoñece o labor de Basilio Losada a prol de Galicia e da súa cultura
O escritor foi nomeado como socio de honra desta institución emblemática para a diáspora galega en Cataluña
Barcelona, 30 de xaneiro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou no acto de nomeamento do escritor Basilio Losada como socio de honra do Centro Galego de Barcelona, unha gala xa consolidada que promove esta institución emblemática para a emigración galega en Cataluña.
Na súa intervención, Román Rodríguez amosou os parabéns ao Centro Galego de Barcelona por acreditar unha vez máis a súa sensibilidade e a súa longa traxectoria en prol da galeguidade e do recoñecemento de Galicia, homenaxeando neste caso a “unha figura senlleira da cultura galega” como é Basilio Losada. “Sabemos que Basilio Losada é un referente da literatura e do pensamento galegos desde hai moitas décadas”, subliñou o conselleiro, que tamén destacou a súa traxectoria nos eidos do ensino universitario, da tradución do ensaio e como impulsor de proxectos relacionas coa realidade galega contemporánea.
Pola súa banda, o presidente do Centro Galego en Barcelona, Manoel Carrete, foi o encargado de abrir e pechar o acto que contou tamén coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e que estivo amenizado pola banda de gaitas do centro e o coro ‘Lonxe da Terra’.
O Centro Galego de Barcelona ten a súa orixe no ano 1892, cando un grupo de emigrantes galegos na capital catalá deciden poñer en marcha unha institución co firme compromiso de manter a identidade galega e proxectar a nosa cultura en Cataluña a través de distintas actividades.