Nova: O Concurso internacional de microrrelatos Camilo José Cela conta este ano cunha edición especial

06/02/2016

O Concurso internacional de microrrelatos Camilo José Cela conta este ano cunha edición especial

Na convocatoria de 2016, conmemorativa do centenario do nacemento do escritor padronés, homenaxearase ao libro de memorias infantís do escritor ‘A rosa’ e contará cunha maior dotación en premios

Santiago, 6 de febreiro de 2016.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela continúa cos actos programados para a conmemoración do Centenario do nacemento do premio Nobel galego coa convocatoria da V edición do seu concurso internacional de microrrelatos nas categorías de infantil, xuvenil e adultos.

Esta V edición volve a contar co patrocinio de Ámbito Cultural de “El Corte Inglés” quen, por mor desta edición especial, amplía a dotación dos premios en cada categoría. Os traballos premiados serán publicados en edición dixital pola Fundación Pública Gallega Camilo José Cela e o primeiro premio de cada categoría será obsequiado cunha tableta dixital e unha tarxeta regalo de El Corte Inglés por valor de 300 €.

Todos os microrrelatos deberanse presentar a través da plataforma web do concurso www.microrrelatosfcjc.com e deberán comezar co arranque do libro de memorias infantís ‘A rosa’ -na que o escritor narra as súas primeiras vivencias polas terras de Iria, Vilagarcía, A Coruña, Cangas,Tui e Vigo-: “Mi padre se llama como yo, y yo me llamo como mi hijo...”.

Establécense tres premios por categoría e unha Mención especial do Público tamén por cada categoría. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro 13 de marzo de 2016 e pódense consultar as bases e o resto de premios por cada categoría na propia web do concurso.
 

Comparte