Nova: O Mupega repasa a cartografía escolar dos séculos XIX e XX
06/02/2016
O Mupega repasa a cartografía escolar dos séculos XIX e XX
O mundo nas mans ofrece é unha nova exposición temporal composta por 66 pezas
Santiago, 6 de febreiro de 2016.- Ata o vindeiro mes de decembro, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) mostra ‘O mundo nas mans: Cartografía Escolar dos séculos XIX e XX’, a nova mostra temporal dedicada a esta rama da xeografía, fundamental para o estudo e coñecemento da Terra, e que contou cun extenso predicamento didáctico en Galicia. A mostra foi inaugurada antonte polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
‘O mundo nas mans’, comisariada por Jesús Oitavén e Beatriz Seco, ofrece un total de 66 pezas engarzadas cun ameno discurso museográfico, amosando o valioso patrimonio histórico-educativo que alberga o este centro museístico, promovendo deste xeito a súa recuperación e difusión. Cada un dos obxectos expostos transportan aos visitantes a outros espazos, próximos ou afastados da nosa terra. Moitas destas pezas cumpriron a misión didáctica de fornecer ao alumnado duns coñecementos xeográficos que dificilmente poderían adquirir doutro xeito.
Unha longa historia educativa
Os mapas constitúen un dos materiais máis clásicos das nosas escolas, formando parte das aulas e servindo para que moitas xeracións de mozas e mozos se fixeran unha composición de lugar do mundo, de cales eran os seus horizontes, dun xeito visual e intuitivo.
En concreto, no ano 1916, o profesor da Escola Normal de Pontevedra e futuro director da de Compostela, José María Crespo Rodríguez, editaba o libro ‘Nociones de Geografía de Galicia’, que se considera o primeiro manual de Xeografía dedicado á nosa comunidade. Exactamente cen anos antes Domingo Fontán iniciara no Pazo de Sobrecarreira os exercicios preliminares para a confección da súa ‘Carta Geométrica de Galicia’.
Co gallo de ambas as dúas efemérides, centenario e bicentenario, e dentro da programación do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), inaugúrase a exposición temporal ‘O mundo nas mans. Cartografía escolar dos séculos XIX e XX’ na que se amosa, ademais do libro e do mapa mencionados, unha escolma de pezas relacionadas coa cartografía e as disciplinas que a empregaban como medio didáctico.
Percorrendo ‘O mundo’
A mostra comeza nun andadeiro dedicado ás xeracións iniciais de xeógrafos e xeógrafas de Galicia, representadas por intelectuais como Domingo Fontán e a súa ‘Carta Geométrica de Galicia’ (1845) ou Francisco Xavier Río Barja, que realizou un mapa de Galicia en relevo (1985) como prototipo para uso didáctico. Esta última obra foi cedida polo propio autor á Consellería que, fiel ao seu legado, a conservou e agora a pon en valor, ao expoñela por primeira vez nesta mostra.
Ademais dos xeógrafos antes mencionados, inclúense pezas do editor Paluzie, un impresor especializado en láminas e mapas no eido educativo, e un dos representantes de todas as casas editoriais que existiron en España, e que se constituíron como a chave fundamental nos esforzos de difusión do patrimonio educativo. O arduo traballo de recuperación desenvolvido, fixo posible contemplar agora varios dos seus mapas de gran formato que se conservan nunha colección completa no Mupega.
O resto da mostra segue a distribución clásica da xeografía plasmada nos manuais do século XIX. Descríbese así a xeografía astronómica: as estrelas, o sol, os planetas, a terra, etc.; a física, coas partes da terra, os minerais ou os fósiles; a política, aludindo á xeografía relacionada coas razas ou a relixión, entre outras categorías; e a descritiva, que inclúe os mapamundi, os continentes, España, Galicia, os mapas provinciais e os planos locais.
Por último, dedícase un apartado á historia, que tamén fai uso da cartografía, cos atlas históricos ou cos planos das cidades onde aconteceu algún feito histórico.
Actividade didácticas
‘O mundo nas mans’ vai acompañado dun programa de actividades didácticas dirixidas aos centros. Estas actividades están pensadas para axudar os rapaces e rapazas a coñecer os mapas e os principios da cartografía a través de actividades lúdicas e obradoiros, que están programados e adaptados a todas as etapas educativas. A exposición poderá visitarse de balde de martes a sábado en horario de 10:00 a 14:00 h. e 16:00 a 20:00 h.