Nova: Cinco curtametraxes galegas participan no Festival Internacional Clermont-Ferrand

09/02/2016

Cinco curtametraxes galegas participan no Festival Internacional Clermont-Ferrand

A Agadic conta cun espazo de difusión para a produción galega de curtametraxes no mercado deste prestixioso festival francés, que arrancou onte coa asistencia de máis de 3.600 profesionais de 92 países

Están presentes no catálogo Shorts from Galicia as curtas de Xacio Baño, Keina Espiñeira, Santos Díaz, Eloy Domínguez e Lois Blanco

A representación galega esténdese ao foro de coprodución Euro Connection 2016, no que participará Chelo Loureiro, de Abano, como única produtora española convidada
 

  • Cartel do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand 2016 Cartel do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand 2016
  • A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a promover a máis recente produción de curtas galegas A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a promover a máis recente produción de curtas galegas
  • A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a promover a máis recente produción de curtas galegas A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) está a promover a máis recente produción de curtas galegas

Clermont-Ferrand (Francia), 9 de febreiro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a promover a máis recente produción de curtas galegas na trixésimo primeira edición do mercado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que deu comezo onte nesta localidade francesa coa asistencia de máis de 3.600 acreditados de 92 países.

Este prestixioso evento, considerado como a principal cita mundial para os profesionais deste ámbito audiovisual, supón así mesmo o arranque da distribución da nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', para o que foron seleccionados os últimos traballos de Xacio Baño, Keina Espiñeira, Santos Díaz, Eloy Domínguez Serén e Lois Blanco Araúxo.

O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos nove encontros nos que o audiovisual galego contará con representación este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic vén desenvolvendo co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag). Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o European Film Market de Berlín (Alemaña), que comeza este xoves en paralelo á Berlinale, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa de La Rochelle, o MICSUR de Bogotá (Colombia), o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o RioContentMarket de Río de Janeiro (Brasil).

'Stand' con espazo propio
No caso de Clermont-Ferrand, o audiovisual galego dispón dun espazo propio dentro do ‘stand’ paraugas coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e compartido con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.

Desde este expositor, estase a distribuír entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) a nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', no que se recollen cinco destacados títulos de recente produción a través dos que se busca dar conta do bo momento creativo que está a vivir o audiovisual galego.

Trátase de 'Eco', de Xacio Baño, estreado na pasada edición do Festival de Locarno e galardoado no Zinebi Bilbao, L'Alternativa de Barcelona e Alcine; 'Tout le monde aime le bord de la mer', polo que Keina Espiñeira acaba de recibir unha mención no International Film Festival Rotterdam grazas á que competirá na categoría de curtametraxes dos próximos Premios do Cine Europeo; 'A liña política', de Santos Díaz, filme estreado na pasada edición de Cineuropa; 'Yellow Brick Road', documental de produción galego-sueca rodado por Eloy Domínguez Serén nun campo de refuxiados saharauís de Tindouf (Alxeria); e 'Fálame do silencio', primeiro proxecto audiovisual asinado por Lois Blanco Araúxo.

Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes.

Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como ‘showcases’, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas. Este ano hai tamén representación galega no programa deste Euro Connection, no que está a participar Chelo Loureiro, de Abano Producións, como única produtora española convidada.
 

Comparte