Nova: Consensúase un apoio equilibrado entre institucións ao programa de ópera da Coruña

17/02/2016

Consensúase un apoio equilibrado entre institucións ao programa de ópera da Coruña

O Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia chegaron a este compromiso

  • Philippe Jaroussky participou na tempada lírica 2014/15

A Coruña, 17 de febreiro de 2016.- Tivo lugar unha xuntanza entre o Concello da Coruña, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia con representantes da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña para valorar conxuntamente as posibilidades de colaboración na programación lírica na cidade da Coruña. As administracións manifestaron a súa vontade de manter un programa dedicado á lírica na cidade da Coruña que sexa sostible, estable e viable economicamente co fin de que permaneza no tempo e non estea suxeito a circunstancias extraordinarias. Desta maneira, Xunta, Deputación e Concello participaron en varias xuntanzas encamiñadas a chegar a un acordo de financiamento do que este mércores fixeron partícipes a Amigos da Ópera, encargados nesta edición da xestión do programa lírico.

Froito desa xuntanza, as administracións públicas reiteráronlle á asociación privada a súa intención de continuar cunha colaboración económica que permita desenvolver un programa lírico de calidade, que a Asociación poida xestionar anualmente, e que teña un financiamento sustentable no tempo. Para vindeiras edicións, constatouse a necesidade de aumentar as aportacións doutras entidades públicas e privadas.

En 2016, Deputación e Xunta achegaranlle á Asociación cadanseus 125.000 euros; e o Concello, 80.000 euros. Engadindo a esas cantidades a aportación do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes (75.000 euros), así como a recadación das actividades realizadas (aproximadamente 80.000 euros) dá como resultado unha cifra próxima aos 500.000 euros, un orzamento que permite que a asociación desenvolva unha programación de calidade durante o período de setembro a decembro de 2016.

Comparte