Nova: FalaRedes homenaxea a Rosalía cun espectáculo de monicreques e música

22/02/2016

FalaRedes homenaxea a Rosalía cun espectáculo de monicreques e música

A peza achegaralle ao público xeral a partir dos seis anos a vida e obra da autora cimeira das nosas letras

A actividade percorrerá ata o mes de maio trece concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016.- A dous días do 24 de febreiro, data destacada no calendario de celebracións da lingua galega por conmemorarse o 179º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer en rolda de prensa a segunda das actividades que a Consellería de Cultura e Educación porá en marcha en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco da quinta edición do programa 'FalaRedes': 'A viaxe de Rosalía'.

García Gómez deu conta dos detalles deste novo espectáculo pensado para dinamizar a lingua galega entre o público xeral, a partir dos seis anos de idade, acompañado de Larraitz Urruzola, a actriz responsable da peza.

“Nas vésperas do Día de Rosalía, que conmemoraremos o 24 de febreiro, presentamos unha nova actividade para a RDL. Unha proposta pensada para homenaxear desde os concellos a escritora central das nosas letras a través do 'FalaRedes', o programa de dinamización lingüística con máis sona no tecido municipal galego”, destacou o secretario xeral, quen rematou sinalando que “esta será a segunda ocasión na que se lle renda tributo a Rosalía e se contribúa a divulgar a súa figura, vida e obra desde a RDL, que xa acolleu en 40 concellos a actividade 'Rosalía pequeniña' con motivo do 150º aniversario da publicación de 'Cantares gallegos' no 2013”.

‘A viaxe de Rosalía’
'A viaxe de Rosalía' é a segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes 2016'. A proposta combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e música para mostrarnos a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.

A cabalo entre o Día de Rosalía e o Día da Internacional Muller bota a andar este coidado espectáculo que nos achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.

A peza foi escrita e está dirixida polo coñecido Lucho Penabade e, baixo xestión de Larraitz Producións Artísticas, a actividade de dinamización lingüística chegará a 13 localidades da RDL ata maio de 2016.

De Frades ao Rosal cun total de 13 representacións
O Local Multiúsos do concello coruñés de Frades acollerá o vindeiro 5 de marzo, ás 11:30 horas, a primeira parada do espectáculo. A continuación, a peza viaxará durante os meses de marzo, abril e maio por outros doce concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18:30 horas.

Ata entón, a programación de 'A Viaxe de Rosalía' desenvolverase nos concellos de Cerceda, Guitiriz, Mondariz, A Lama, Curtis, Mondoñedo, Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Comparte