Nova: O circuíto Cinemas de Galicia amplíase a dez concellos
26/02/2016
O circuíto Cinemas de Galicia amplíase a dez concellos
Allariz, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove incorpóranse a esta rede rede municipal de exhibición cinematográfica na que repiten Ortigueira, Foz, As Pontes, O Carballiño e Verín
A Agadic xestiona este programa, a través do que se lles achega o cine en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais
Santiago, 26 de febreiro de 2016.- Os concellos de Allariz, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove súmanse este ano ao circuíto Cinemas de Galicia, a rede municipal de exhibición cinematográfica que promove a Xunta co obxectivo de lles achegar o cine en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais. Con estas cinco novas incorporacións, amplíase a 10 o número de municipios participantes nesta rede xestionada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na que repiten Ortigueira, Foz, As Pontes, O Carballiño e Verín.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e os alcaldes dos cinco novos concellos de Cinemas de Galicia –Francisco García Súarez, de Allariz; José Miguel Alonso Pumar, de Cariño; Pablo Diego Moreda Gil, de Cedeira; José Luis Ferro Iglesias, de Celanova; e José Antonio Cacabelos Rico, do Grove– asinaron hoxe o convenio de colaboración para o desenvolvemento de dous períodos de programación en 2016: do 1 de marzo ao 30 de xuño e do 15 de setembro ao 15 de decembro.
Nesta terceira edición, Cinemas de Galicia mantén o mesmo dobre obxectivo co que botou a andar como experiencia piloto a finais de 2014: incrementar o número de pantallas da nosa Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial.
Novo catálogo con 29 producións galegas
Neste sentido, os programadores de cada un dos 10 municipios participantes teñen que pechar os seus primeiros calendarios de proxeccións de 2016 a partir dunha nova versión do catálogo confeccionado pola Agadic, que este ano conta cun total de 37 filmes: 29 producións con participación galega e oito destacados títulos do actual panorama cinematográfico español e europeo.
As películas galegas desta escolma son: '9 ondas', 'A árbore magnética', 'A arca de Noé', 'A cicatriz blanca', 'A praia dos afogados', 'A Tropa de Trapo na selva do arco da vella', 'A viaxe de Leslie', 'A viaxe dos Chévere', 'Arraianos', 'As altas presións', 'Costa da Morte', 'En todas as mans', 'Encallados', 'Funes, o inventor da Lúa', 'Inevitable', 'Lobos sucios', 'Maimiño e o espello máxico', 'Meigallos', 'Noite ¿de paz?. Holy Night!', 'O clube dos incomprendidos', 'O instante eterno', 'O ouro do tempo', 'O raio', 'Os días afogados', 'Os fenómenos', 'Os incribles', 'Piedad', 'Schimbare' e 'Torre de Breoghán'.
O cinema español e europeo está representado neste catálogo polas longametraxes 'Diplomacia', 'Loreak', 'Macbeth', 'O mundo segue', 'O noso último verán en Escocia', 'Phoenix', 'Rams (o val dos carneiros)' e 'Teito e comida'.
De acordo co convenio de colaboración, os concellos comprométense a que cando menos a metade da súa programación estea configurada por películas galegas. Tamén se establecen neste documento outras cuestións relativas ao funcionamento práctico do circuíto, como a condición de que todos os espazos de exhibición cumpran os requisitos esixidos polo Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Goberno de España (aforo, dotación técnica e sistemas de seguridade) cara á súa homologación como salas de proxección cinematográfica.
Respecto ao seu financiamento, a Agadic asume a metade dos dereitos de exhibición dunha proxección á semana para cada un dos municipios, mentres que o 50 por cento restante correspóndelle aos concellos, para os que é a recadación íntegra da billeteira. As entradas de Cinemas de Galicia teñen un prezo único de 3 euros.
Na Axenda de Cultura de Galicia podedes consultar as proxeccións: www.cultura.gal/gl/ciclo/645
A programación actualizada, o catálogo de 2016 e as fichas das películas estarán dispoñibles proximamente para a súa consulta no web agadic.gal/cinemasdegalicia.