Nova: O Salón Teatro acolle tres funcións do espectáculo Non toques os meus círculos

02/03/2016

O Salón Teatro acolle tres funcións do espectáculo Non toques os meus círculos

Santiago Montenegro dá vida a máis de 15 personaxes nunha montaxe dirixida por Rosa Hurtado que entrelaza a biografía de Arquímedes cos intentos dun ousado e entusiasta científico por sacar adiante o seu proxecto

A compañía viguesa, con 38 anos de traxectoria, actuará na sede do Centro Dramático Galego o venres 4 e o sábado 5, ás 20.30 h, e o domingo 6, ás 18.00 h
 

  •  ‘Non toques os meus círculos’ ‘Non toques os meus círculos’
  •  ‘Non toques os meus círculos’ ‘Non toques os meus círculos’
  •  ‘Non toques os meus círculos’ ‘Non toques os meus círculos’

Santiago, 2 de marzo de 2016.- O teatro galego continúa a ser o protagonista da carteleira do Salón Teatro de Santiago, que esta fin de semana recibe a compañía viguesa Artello Teatro co seu espectáculo ‘Non toques os meus círculos’. A montaxe, dirixida por Rosa Hurtado e interpretada por Santi Montenegro, poderá verse na sede do Centro Dramático Galego (CDG) o venres 4 e o sábado 5, ás 20.30 horas, e o domingo 6, ás 18.00 horas.

‘Non toques os meus círculos’ foron, segundo conta a lenda, as derradeiras palabras de Arquímedes de Siracusa antes de morrer a mans dun soldado romano no século III a.C. A partir desa frase, Artello Teatro achéganos a historia dun ousado e entusiasta científico dos nosos días que busca o xeito de se reinventar tomando como referente o sabio siracusano e o seu contexto.

Cancións en directo
En escena e botando man dunha maleta, un ukelele, unha bufanda e poucos elementos máis, Santiago Montenegro encárgase de dar vida a unha quincena de personaxes e da interpretación en directo das cancións do espectáculo. Propíciase, así, un paralelismo constante entre os sucesos da época antiga e a actual, sempre desde a ironía e o humor.

Montenegro encargouse tamén do deseño do atrezzo, o son e a luz, así como do texto e a dramaturxia xunto con Rosa Hurtado. Ambos contaron, ademais, coa colaboración musical de Ramón Souto, o apoio de Manuel Pombal e Óscar Codesido na dramaturxia e o asesoramento científico de Pío González e Julia Serra, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo. Suso Montero asina o vestiario, mentres que Quino Vilas encargouse da fotografía e Xosel Díez do vídeo promocional.

Artello Teatro comezou a súa traxectoria en 1978, producindo desde entón unha vintena de espectáculos para todos os públicos, coa creación colectiva como común denominador. Tras levar a escena títulos tan coñecidos como ‘Tarará-Chis-Pum’, ‘A cantante calva’, ‘Celtas sen filtro’, ‘Gulliver FM’ ou ‘Batea’, en 1994 Rosa Hurtado e Santiago Montenegro inician unha liña de traballo máis artesanal que combina actores, bonecos, obxectos ou sombras en montaxes como ‘A do libro’, ‘Unha de amor’, ‘Amadís de Algures’, ‘De fábula’, ‘Polgariño’ e ‘Cinderella Mix’, cos que teñen participado en numerosos festivais, feiras e redes escénicas.

Venda de entradas
As entradas para asistir a ‘Non toques os meus círculos’ están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar a partir do venres na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións. O prezo é de 10 euros para o venres e sábado (cos descontos habituais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.
 

Comparte