Nova: A Master Class Augal dedica a súa penúltima sesión a curtas e formatos web de recente produción galega

07/03/2016

A Master Class Augal dedica a súa penúltima sesión a curtas e formatos web de recente produción galega

Jonatan Toucedo, Anxos Fazáns e Nerea Sarmiento presentarán as súas obras na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira

Esta iniciativa formativa desenvólvese por quinto curso consecutivo organizada pola Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo

 

  • Imaxe do cartel da serie Vento ferido, que se presenta nesta sesión formativa
  • Augal 2015-2016 Augal 2015-2016

Pontevedra, 7 de marzo de 2016.- Augal 2015-2016, a Master Class do Audiovisual Galego, desenvolverá mañá martes día 8 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira de Pontevedra a súa penúltima cita do programa do presente curso cunha sesión dedicada a curtametraxes e series web producidas recentemente en Galicia.

Continúa así a actividade da quinta edición desta iniciativa docente que organizan a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Universidade de Vigo co obxectivo de impulsar a formación complementaria no ámbito audiovisual mediante a difusión da produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas.

Os alumnos e alumnas inscritos en Augal asistirán, a partir das 16.00 horas, á proxección e posterior comentario dunha escolla de tres curtametraxes: ‘Serendipia’ e ‘El pasajero noctámbulo’, de Jonatan Toucedo, e ‘Nacer en septiembre’, de Anxos Fazáns. Os dous profesionais estarán presentes para establecer o coloquio posterior co público, do mesmo xeito que Nerea Sarmiento, guionista de ‘Vento ferido’, a serie ‘online’ asinada por Miguel Grandío e inspirada no libro homónimo de relatos de Carlos Casares, que foi creada como resultado da última edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC).

Novos creadores galegos
Dáse ademais a circunstancia de que tanto Jonatan Toucedo como Anxos Fazáns e Nerea Sarmiento pertencen a unha nova xeración de creadores audiovisuais galegos formados, precisamente, nas aulas da Universidade de Vigo.

Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández e coa colaboración dos profesores de fotografía Jorge Lens e Carlos Soutelo, Augal 2015-2016 comezou o pasado 3 de decembro coa proxección da película ‘El desconocido’, de Dani de la Torre e producida por Vaca Films, recente ganadora de dous Premios Goya da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España.

A esa xornada inaugural seguiron nas últimas semanas as sesións ‘Viaxe pola publicidade para TVG’, que correu a cargo de Jorge Algora (16 de febreiro), así como as dedicadas ás películas ‘Os días afogados’, de César Souto Vilanova e Luis Avilés (23 de febreiro), e ‘El arca de Noé’, de David Valero e Adán Aliaga (1 de marzo).

As sete sesións previstas en Augal 2015-2016, nas que se inclúen longametraxes, curtas, ou webseries, están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual, aínda que, como en anteriores edicións, a elas pode asistir tamén o público en xeral.

‘Lobos sucios’, o vindeiro martes
A próxima cita con Augal será o 15 de febreiro, día que terá lugar a proxección da longametraxe ‘Lobos sucios’, a ópera prima de Simón Casal producida por Agallas Films, estreada na última edición Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

Despois desta última sesión, AUGAL 2015-2016 pecharase o 5 de abril coa segunda edición do seu foro profesional, dedicado nesta ocasión ao subsector da animación. Será o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz o encargado de conducir esta cita, previa á entrega de diplomas, coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’.

Comparte