Nova: A Academia Galega do Audiovisual dá a coñecer os finalistas dos XIV Premios Mestre Mateo
14/03/2016
A Academia Galega do Audiovisual dá a coñecer os finalistas dos XIV Premios Mestre Mateo
Os filmes ‘O descoñecido’ e ‘Lobos sucios’ lideran as candidaturas
Os galardóns, que contan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, recoñecen anualmente o labor desenvolvido pola profesión audiovisual en Galicia
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016.- A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe os finalistas dos XIV Premios Mestre Mateo, entre os que destacan os filmes ‘O descoñecido’ e ‘Lobos sucios’ por optaren aos galardóns en 15 e 14 categorías, respectivamente.
Nun acto e que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura e Educación, Mabel Rivera e Antonio Durán ‘Morris’, xunto co presidente da academia, Carlos Ares, deron a coñecer as candidaturas da décimo cuarta edición duns premios que recoñecen anualmente o labor desenvolvido pola profesión audiovisual en Galicia en diferentes categorías e que constitúen unha homenaxe ao sector audiovisual galego.
Os Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo, que contan coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais, recoñecen este ano as obras galegas estreadas en 2015 e os profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos. Os gañadores daranse a coñecer nun acto que terá lugar o vindeiro 23 de abril no Palacio da Ópera da Coruña.