Nova: Tres novas actuacións de Atardecer no Gaiás animan esta semana o solpor na Cidade da Cultura
14/07/2014
Tres novas actuacións de Atardecer no Gaiás animan esta semana o solpor na Cidade da Cultura
O pop hipnótico e optimista de Aries inundará a praza central do Gaiás o xoves a partir das 21 horas
A Orquestra de Cámara Galega fará o venres na Sala Eisenman un repaso por instrumentos e son esquecidos, xunto ao músico galego Abraham Cupeiro
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve animar o solpor deste xoves, venres e sábado con tres novas actuacións do ciclo Atardecer no Gaiás. A praza central da Cidade da Cultura acollerá, a partir das 21:00 horas e totalmente de balde, os concertos en pequeno formato de Aries, a Orquestra de Cámara Galega e De Nauters.
Nesta terceira semana, Atardecer no Gaiás arranca o xoves co pop solleiro, hipnótico e optimista de Aries, o proxecto da exElectronikinis e exCharades Isabel Fernández Reviriego. Na praza central do Gaiás, esta bilbaína afincada en Vigo presentará o seu segundo traballo, ‘Mermelada dorada’, no que lle dá renda solta a súa personalísima visión do universo pop con cancións que nos farán gozar ata que se poña o sol.
Os sons esquecidos
O venres é o día da Orquestra de Cámara Galega, que neste segundo concerto do seu miniciclo, se centrará nos sons esquecidos xunto ao trompetista e artista multidisciplinar galego Abraham Cupeiro.
Na Sala Eisenman, a Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba, tentará sorprender ao público cun percorrido histórico por repertorios menos transitados e instrumentos esquecidos que tiveron un protagonismo esencial en épocas pretéritas.
Desde Murcia ao Gaiás
A banda murciana De Nauters será a encargada de pechar esta semana, de novo na praza central. A formación chega a Compostela cun son asentado que se plasma no seu traballo Tiempos modernos, catorce cancións de corte folk, con moita carga de pop, rock e psicodelia que forma un álbum moi persoal, con letras sinxelas cheas de carga emocional e unha dose de análise e reflexión.
Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de Atardecer no Gaiás teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50.