Nova: Vilagarcía de Arousa acolle en xullo a mostra ‘Nimbos de Luz’, coa que se pretende achegar a figura de Xosé María Díaz Castro á cidadanía
14/07/2014
Vilagarcía de Arousa acolle en xullo a mostra ‘Nimbos de Luz’, coa que se pretende achegar a figura de Xosé María Díaz Castro á cidadanía
A exposición, que percorrerá 15 municipios ao longo de 2014, forma parte da programación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para renderlle homenaxe a este poeta, ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas
Hoxe recibiu a visita dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística no Auditorio Municipal onde se exhibe e mañá, na praia da Concha, verase complementada pola xincana ‘Díaz Castro na voz da xente’ que se desenvolve nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde fai parada a exposición
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 14 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva durante todo o mes de xullo a Vilagarcía de Arousa a mostra itinerante ‘Nimbos de luz’, promovida pola Xunta de Galicia no marco da programación conmemorativa das Letras Galegas deste ano. A vida e a obra do poeta Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou o 17 de maio en 2014, centran a exposición, que esta tarde recibiu a visita dos secretarios xerais de Política Lingüística, Valentín García, de Cultura, Anxo Lorenzo.
Logo da súa posta en marcha o pasado 19 de febreiro en Guitiriz, coincidindo co centenario do nacemento do escritor, a mostra chega ao concello de Vilagarcía de Arousa para “achegarlle á cidadanía a traxectoria vital e profesional do poeta e tradutor lucense”, afirmou Anxo Lorenzo. “Contribuír coa difusión social da obra de Díaz Castro, así como poñer de relevo a súa contribución ao sistema literario galego é á nosa cultura, é o obxectivo desta exposición, que continuará o seu percorrido polas catro provincias galegas ata final de ano”, engadiu o responsable de Cultura.
Pola súa banda, Valentín García destacou que a mostra pare en localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que o faga complementada por unha xincana –que en Vilagarcía se celebrará mañá ás 18:30 horas na praia da Concha– que forma parte da programación anual de actividades desta entidade. “Grazas a ese espazo de colaboración que é a RDL, a Xunta e os concellos galegos traballan xuntos unha vez máis pola lingua propia de Galicia, nesta ocasión visibilizando e poñendo en valor o labor dos que, como Xosé María Díaz Castro, apostaron por poñela no centro da súa obra”, dixo o titular de Política Lingüística.
Os dous secretarios xerais estiveron acompañados durante a visita polo alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole Díaz, e polas concelleiras de Normalización Lingüística, Xuventude e Voluntariado e de Cultura, Sandra García Roma e Rocío Llovo del Río, respectivamente.
Xincana ‘Díaz Castro’ para nenos de 10 a 14 anos, mañá na praia da Concha
En sete concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística onde recala ‘Nimbos de luz’, a exposición compleméntase coa xincana ‘Díaz Castro na voz da xente’, xestionada por Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural.
Mañá celebrarase na praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, ás 18:30 horas, nunha sesión especial de verán adaptada ao lugar de realización. Pensada para nenos e nenas de 10 a 14 anos, está aberta ao público, que pode participar de balde e sen inscrición previa.
No desenvolvemento da actividade, a rapazada terá que ir superando, por grupos e guiada por monitorado, un total de catro probas ou retos relacionados coa vida e coa figura do persoeiro homenaxeado –Penélope, Díaz Castro docente e tradutor, Nimbos de luz e Obra espallada- nos que se combinan a compoñente histórico-lingüística coa dimensión lúdica e participativa.
As seguintes sesións da xincana serán o 24 de outubro na Rúa, o 1 de decembro en Cee e o 18 de decembro en Celanova. Máis información en www.xunta.es/linguagalega/programacion_rede_de_dinamizacion_linguistica_2014.
Mostra itinerante
A exposición, que ten o obxectivo de difundir a figura do autor homenaxeado neste 2014 polas Letras Galegas, botou a andar no mes de febreiro en Guitiriz e, tras facer parada en Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, A Estrada e Redondela, chegou ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, onde permanecerá todo o mes de xullo. A itinerancia da mostra completarase nas localidades de Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), A Coruña (do 2 ao 16 de setembro), Lugo (do 18 ao 30 de setembro), Ourense (do 2 ao 16 de outubro), A Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro), Cee (do 1 ao 14 de decembro) e Celanova (do 16 ao 30 de decembro).
Os departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería promoven esta exposición -comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo- que forma parte do programa de actividades que a Xunta de Galicia desenvolve para conmemorar as Letras Galegas 2014