Nova: O Gaiás festexa o Día da Danza con Báilalle á primavera!, obradoiro gratuíto e concerto con Pesdelán

31/03/2016

O Gaiás festexa o Día da Danza con Báilalle á primavera!, obradoiro gratuíto e concerto con Pesdelán

O Museo Centro Gaiás acollerá  o 29 de abril a actividade para aprender a bailar danzas galego-portuguesas

Ás 19:30 horas, a banda ofrecerá un concerto para gozar da música pero no que se invitará aos asistentes ao baile
 

  • Día Internacional da Danza Día Internacional da Danza

Santiago, 31 de marzo de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o vindeiro 29 de abril no Gaiás o Día Internacional da Danza cun obradoiro gratuíto de danza e un concerto coa banda Pesdelán. Será a través da actividade ‘Báilalle á primavera!’, coa que a Cidade da Cultura propón recibir a primavera bailando. Coincidindo co Día Internacional da Danza, o Museo Centro Gaiás vestirase de cores para vivir unha tarde chea de música e baile.

A celebración comezará ás 18 horas cun obradoiro co que aprender a bailar danzas galego-portuguesas. Pensado para gozar en familia, o grupo Pesdelán ensinaralles aos participantes os pasos básicos para cada un dos bailes, nunhas divertidas clases que estarán amenizadas con música en directo.

Tras a aprendizaxe, a proposta do Museo Centro Gaiás inclúe máis diversión. Porque a partir das 19:30 horas, o Museo Centro Gaiás acollerá o concerto de Pesdelán cun único obxectivo: que o público baile! Coas súas actuacións, Pesdelán pretende recuperar o espírito das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia, mediante o ensino de bailes e xogos sinxelos. Unha das integrantes do grupo animaranos a seguir os seus pasos, que nos explicará de forma sinxela e amena, para que todos poidamos unirnos ao baile.

Para facer unha tarde máis redonda, a Cidade da Cultura convida a todos os participantes a vestirse de primavera: dunha cor, con flores, coas tonalidades do arco da vella... O obxectivo final: conseguir unha explosión de ritmo e cor para bailarlle á primavera.

Entradas a 3 euros
O obradoiro de danza será de balde previa inscrición no web cidadedacultura.gal. Pola súa banda, o concerto ten unha entrada de 3€ que xa está á venda no Museo Centro Gaiás, ataquilla.com (+ gastos de xestión) e nos puntos de venda física de Ataquilla.

Como todas as actividades culturais da Cidade da Cultura, ‘Báilalle á primavera!’ conta con descontos para colectivos especiais (Socios Club Gaiás, Xubilados, Desempregados, Discapacitados, Familias Numerosas, Estudantes/Traballadores USC e carné xove) e promocións que se poden consultar no web da Cidade da Cultura.
 

Comparte