Nova: A Xunta anuncia 2 millóns de euros máis para a completa restauración da fachada da Catedral de Santiago

15/07/2014

A Xunta anuncia 2 millóns de euros máis para a completa restauración da fachada da Catedral de Santiago

O presidente do Goberno galego acadou este compromiso co alcalde de Santiago nun encontro, onde avanzaron o proxecto de creación do Bosque de Galicia, unha intervención paisaxística de posta en valor do contorno da Cidade da Cultura 

  • Vídeo (1) coas declaracións do presidente da Xunta
  • Fachada da Catedral de Santiago de Compostela

Santiago, 15 de xullo de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acordaron hoxe continuar cos traballos de restauración da Catedral de Compostela, para que estea nas mellores condicións posibles, ao tempo que avanzaron nunha intervención paisaxística no contorno da Cidade da Cultura destinada a poñer en valor os terreos que están sen urbanizar. Así o concretaron durante a reunión que mantiveron este mediodía no Pazo de Raxoi, un encontro que lle solicitou o alcalde de Santiago ao mandatario autonómico para avanzar naqueles asuntos que “ocupan conxuntamente” á cidade e á Xunta.

Feijóo subliñou que tanto el coma o alcalde son conscientes de que a Catedral é un “símbolo de Galicia, é un símbolo de España e é un símbolo de Europa” e, por iso, “a Catedral de Santiago é unha das prioridades do alcalde que a Xunta comparte”, sinalou. “Manter a restauración da Catedral de Santiago é unha das prioridades da axenda común entre o Concello e a Xunta de Galicia”, incidiu Feijóo, por iso, engadiu, “comprometémonos a seguir traballando na restauración e na modernización da Catedral de Santiago”.

O titular da Xunta lembrou, nesta liña, o esforzo que a Administración autonómica veu realizando nos últimos anos para realizar diversas actuacións no templo, cunha achega que, segundo destacou, supera os 3,3 millóns de euros. Concretou que estes investimentos se destinaron ao revestimento das bóvedas interiores da nave e o cruceiro da Capela Maior; á restauración da Azabachería, o Pórtico da Gloria ou a Torre do Reloxo; ou a actuacións nas torres e na parte da fachada central da Catedral, na praza do Obradoiro, nun esforzo que o presidente da Xunta cualificou de moi importante e no que considerou necesario continuar.

“Hoxe asumimos un compromiso adicional –adiantou-, que é restaurar tamén a peineta, é dicir, a totalidade da fachada do Obradoiro”. O que significa, explicou, que “complementaremos un convenio financiado coa Xunta de Galicia para que quede completamente restaurada a fachada do Obradoiro, non só as torres que están neste momento comprometidas, senón tamén o corpo central da fachada cunha nova inxección de case 2 millóns de euros de orzamentos da Xunta”.

Bosque de Galicia
Outro dos principais asuntos que abordaron na xuntanza que mantiveron o alcalde de Santiago e o presidente da Xunta foi a activación dun proxecto destinado a poñer en valor os terreos sen urbanizar no contorno da Cidade da Cultura. Así, o obxectivo é crear nese espazo o Bosque de Galicia, “unha intervención paisaxística completa nas 23 hectáreas que circunvalan a Cidade da Cultura, facendo o Bosque de Galicia e, polo tanto, integrando a Cidade da Cultura nun bosque de Santiago, nun bosque de Galicia”, explicou Feijóo.

Segundo adiantou, a superficie deste proxecto será tres veces superior á extensión superficial da Alameda de Santiago, que conta con oito hectáreas fronte ás 23 coas que contará este Bosque de Galicia. O presidente galego incidiu en que esta iniciativa supón avanzar na integración entre a Cidade da Cultura e a urbe de Santiago, a través de escaleiras de acceso ao complexo e de sendas peonís; un bosque no que haberá especies autóctonas propias da Comunidade autónoma e que será, dixo Feijóo, “un símbolo de defensa do bosque tradicional galego” e “un activo de gran valor ecolóxico e paisaxístico”.

Así mesmo, o mandatario galego indicou que estas 23 hectáreas “empezamos a remodelalas e presentaremos este proxecto unha vez que se entregue definitivamente polos paisaxistas que o están supervisando, proxecto que se está a levar a cabo entre a Consellería do Medio Rural e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, coordinadas pola Cidade da Cultura”, argumentou.

Capitalidade e Plan Director dos Camiños de Santiago
Durante o encontro, o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago tamén abordaron outros asuntos concretos, como a condición de capitalidade ou o Plan Director dos Camiños de Santiago. Respecto ao primeiro, o mandatario galego avanzou que neste mesmo mes de xullo se elevará ao Consello da Xunta a aprobación do convenio correspondente a 2014 para financiar os gastos de Compostela derivados da súa condición de capital galega, un acordo, segundo avanzou, por importe de 2,3 millóns de euros.

Respecto á segunda das materias, Feijóo lembrou o papel fundamental que ten Santiago para o turismo de Galicia. Nesta liña, transmitiulle ao alcalde compostelán o inicio da tramitación do Plan Director dos Camiños de Santiago que está a elaborar a Xunta ao obxecto, dixo, “de que a cidade de Compostela teña un protagonismo especial na redacción, na planificación, no contido e na aprobación” deste plan. “Sen dúbida –indicou Feijóo- valoraremos e tomaremos boa nota das consideracións que cheguen do Concello de Santiago para a redacción, o contido e a aprobación do Plan Director dos Camiños de Santiago”, subliñou ao respecto.

Seguir traballando “desde o diálogo”
O presidente da Xunta salientou que se tratou dunha reunión “cordial” e “frutífera” que serviu para seguir avanzando nos asuntos de importancia para a cidade. Lembrou que a Xunta ten materializado nos últimos anos investimentos de importancia para o concello -como o Plan de transporte metropolitano, que está funcionando; o parque industrial da Sionlla, xa operativo; o centro de saúde de Galeras, en licitación; avances en materia de benestar, como a gardería do Tambre; o novo edificio xudicial, que xa é unha realidade; ou o Centro de Recuperación Integral para as Vítimas de Violencia de Xénero.

Feijóo remarcou que a reunión de hoxe permitiu “darlle continuidade a colaboracións que xa estaban empezadas” entre a Xunta e o Concello de Santiago, pero tamén para “abrir novas canles de colaboración” en ámbitos de interese para Compostela. “A nosa vontade é seguir traballando con intensidade, con diálogo e o respecto institucional”, sinalou.

Por último, o mandatario galego amosouse confiado en que Agustín Hernández afrontará esta nova etapa como rexedor municipal “con acerto” xa que, subliñou, conta con cualidades destacables como a “dedicación” ou a “capacidade de xestión”.

Comparte