Nova: Cultura súmase á homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 129.º aniversario do pasamento da escritora
15/07/2014
Cultura súmase á homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 129.º aniversario do pasamento da escritora
No acto institucional promovido pola Fundación Rosalía de Castro, o secretario xeral de Cultura referiuse á escritora como “un ben central da nosa cultura” e recordou que “moito do que hoxe somos llo debemos ao que ela nos anticipou”
Padrón (A Coruña), 15 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, sumouse esta tarde á homenaxe a Rosalía de Castro que tivo lugar na Casa-Museo da escritora, en Padrón, con motivo do día no que se cumpren 129 anos do seu pasamento.
Durante o acto institucional, Anxo Lorenzo agradeceulle á Fundación Rosalía de Castro “esta chamada á reunión, arredor da palabra e da música, da poesía, como un acto para o non esquecemento da escritora”, “unha celebración conxunta” que tamén destacou como “unha oportunidade para falar da nosa construción cultural, da capacidade creativa en diálogo co colectivo, do valor e das inquedanzas arredor da lingua galega”.
Un espazo común arredor de Rosalía
“É significativo que nesas reflexións arredor de Rosalía de Castro xurda sempre un espazo común, no que están poetas, institucións e sociedade en xeral, sen exclusión e sen dogmatismos”, afirmou. Nese sentido, Anxo Lorenzo salientou a capacidade da escritora “de chegar a todos e a todas”, ao tempo que se referiu a ela como “un ben central na nosa cultura compartida”. “Dalgunha maneira –engadiu–, ela é capaz aínda hoxe de abrirnos os ollos á existencia dunha cultura galega propia e singular, cunha raíz milenaria que paga a pena cultivar e facer medrar”.
Na súa intervención, o secretario xeral tamén recordou que “hai moito no que hoxe somos que lle debemos ao que Rosalía nos anticipou, aos camiños que ela abriu”. “Por iso –dixo–, saudamos con gratitude, cada ano, as voces que se unen a esta celebración, con novos versos e novos tons, para seguir revitalizando a súa achega e poñendo a súa voz na actualidade”.
O acto de homenaxe á escritora, que congregou na Casa-Museo Rosalía de Castro numerosas personalidades do ámbito cultural e político, tamén foi o escenario da presentación das obras gañadoras do II Premio Escolar Rosalía de Castro.