Nova: Augal pecha en Pontevedra a súa quinta edición cunha conferencia sobre animación

05/04/2016

Augal pecha en Pontevedra a súa quinta edición cunha conferencia sobre animación

Remata así o programa que a Master Class do Audiovisual Galego vén desenvolvendo desde decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación baixo a organización da Agadic e a Universidade de Vigo

Un total de 14 profesionais galegos do sector compartiron os seus últimos traballos e experiencias cos máis de 100 alumnos inscritos
 

  • Ángel de la Cruz, guionista e produtor de 'Enrrugas', foi o encargado de pechar esta edición coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación?' Ángel de la Cruz, guionista e produtor de 'Enrrugas', foi o encargado de pechar esta edición coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación?'

Pontevedra, 5 de abril de 2016.- A Master Class do Audiovisual Galego (Augal), pechou a súa quinta edición cunha conferencia sobre a animación en Galicia, impartida polo produtor, guionista e director Ángel de la Cruz, á que seguiu a entrega de diplomas ao alumnado deste programa desenvolvido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira, en Pontevedra.

Completouse así o calendario de actividades 2015-16, no marco do que desde mediados de decembro tiveron lugar un total de sete sesións nas que 14 profesionais galegos do sector exhibiron algúns dos seus principais traballos e compartiron cos asistentes as súas experiencias en ámbitos como o da escrita de guión, a produción ou a realización audiovisual, entre outros.

Ángel de la Cruz foi o encargado de pechar esta edición coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’. O guionista e codirector dos filmes ‘O bosque animado’ (2001) e ‘O soño dunha noite de San Xoán’ (2005), ademais de guionista e produtor executivo de ‘Engurras’ (2011) e de ‘Memorias dun home en pixama’ (actualmente en produción), comezou a súa intervención cunha análise da evolución histórica deste xénero cinematográfico, con especial atención ao caso galego. Detallou, ademais, as características e peculiaridades das películas de animación, así como os pasos do seu proceso de produción desde a fase de desenvolvemento do proxecto ata o lanzamento final.

Crédito de libre configuración
Tras este relatorio, tivo lugar a entrega de diplomas ao centenar de alumnos e alumnas desta quinta edición de Augal, acto no que participaron Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Agadic, e o propio Ángel de la Cruz. Este diploma é válido por un crédito de libre configuración pola Universidade de Vigo.

Na súa intervención, Sutil incidiu en que, xunto cos seus obxectivos de divulgación e formación, a master class que coordinan os profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández busca tamén poñer en valor o traballo d os profesionais galegos do audiovisual e as súas empresas. Así, como explicou o director da Agadic, “nesta quinta edición trazouse unha traxectoria ben representada no simbólico cos filmes que abriron e pecharon o programa: ‘El desconocido’, de Dani de la Torre, que está a consolidar a súa carreira internacional e estes días se estrea en Italia; e ‘Lobos sucios’, de Simón Casal, que chegará ás pantallas españolas este mesmo venres’.

Completaron o programa deste ano as sesións dedicadas aos traballos publicitarios de Jorge Algora; ao documental ‘Os días afogados’, de César Souto Vilanova e Luis Avilés; ao filme de ciencia ficción ‘El arca de Noé’, de David Valero e Adán Aliaga; á serie ‘Vento ferido’, de Miguel Grandío; e ás curtametraxes ‘Estereoscopia, de Xacio Baño; ‘Serendipia’, de Jonatan Toucedo, e ‘Nacer en septiembre’, de Anxos Fazáns.
 

Comparte