Nova: Con-Fío en Galicia recibiu 7.392 visitantes no seu primeiro mes

13/04/2016

Con-Fío en Galicia recibiu 7.392 visitantes no seu primeiro mes

A mostra que reúne na Cidade da Cultura a historia do noso téxtil acolleu desde a súa apertura o 11 de marzo unha media diaria de 264 persoas

Conta cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, como demostran os máis de 1.000 escolares que participaron xa nos percorridos lúdico-didácticos
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016.- Un total de 7.392 persoas achegáronse ao Gaiás para visitar a mostra ‘Con-Fío en Galicia’ no seu primeiro mes de exhibición.

A exposición, comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, converte a Cidade da Cultura nunha pasarela de moda na que amosar o peso do téxtil galego no mundo. Ao longo de 300 pezas, a mostra ofrece un percorrido por un sector estratéxico a través de 100 looks singulares de moda feita en Galicia, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e unha escolma de material fotográfico e audiovisual.

Cultura e Educación celebra o interese que está espertando entre o público unha mostra na que poden verse creacións de clásicos como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas ou os deseñadores do grupo Galicia Moda (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira...) xunto con novos valores como Eva Soto, Sara Coleman ou José Castro. Así, desde a súa apertura o 11 de marzo, ‘Con-Fío en Galicia’ recibiu unha media de 264 visitantes por día.

Especialmente destacable é tamén a aceptación que ‘Con-Fío en Galicia’ está a ter entre a comunidade educativa. Un total de 1.037 escolares pasaron xa pola exposición, onde ademais de coñecer a historia da moda ao longo dos dous andares do Museo Centro Gaiás, os participantes nas Visitas didácticas realizan actividades lúdico-didácticas que os axudan a fixar os coñecementos adquiridos.

Visitas guiadas todos os días
‘Con-Fío en Galicia’ pode visitarse no Museo Centro Gaiás de martes a domingo, de 10 a 20 horas, e a entrada é de balde. Ademais, de martes a venres, o público conta cunha visita guiada ás 18:30 horas e sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas. Un total de 290 persoas xa gozaron con estes percorridos guiados da man dos guías da Fundación Cidade da Cultura, nos que descubrir curiosidades e anécdotas das pezas que integran a mostra.
 

Comparte