Nova: Cultura no Camiño emprende hoxe en Sober unha viaxe que levará 92 espectáculos por 24 concellos de Lugo
15/04/2016
Cultura no Camiño emprende hoxe en Sober unha viaxe que levará 92 espectáculos por 24 concellos de Lugo
A programación inclúe maxia, teatro, circo e música para todos os públicos
Lugo, 15 de abril de 2016.- O espectáculo de teatro infantil A xanela do Maxín, de Titeremusicontos, abrirá hoxe na Casa da Cultura de Sober a programación da cuarta edición de Cultura no Camino para a provincia de Lugo. Este ambicioso programa está promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia e figura xa como un evento consolidado que dende o seu comezo, no ano 2013, practicamente triplicou o seu orzamento, as compañías participantes e as actuacións contratadas.
A delegada territorial, Raquel Arias, presentou hoxe este proxecto que ao longo dos vindeiros cinco meses levará por 24 concellos da provincia 92 espectáculos de maxia, teatro, circo e música para todos os públicos.
Arias subliño que o obxectivo deste programa cultural é incentivar a distribución de produtos culturais galegos nos diferentes concellos vinculados ao Camiño de Santiago e facer chegar a cultura á cidadanía mediante eventos e actividades culturais.
Deste xeito, incidiu, promociónase a cultura galega e deslocalízase a oferta cultural, para procurar un desenvolvemento equilibrado no conxunto de Galicia. “O resultado é que se enriquece con representacións artísticas de calidade o patrimonio cultural e paisaxístico, de relevancia mundial, que supón o Camiño de Santiago”, afirmou.
A delegada explicou que o programa Cultura no Camiño conta cun investimento de preto de 545.000 euros, compartido pola Xunta de Galicia e os concellos inscritos, que asumen unha parte dos cachés artísticos. Neste sentido, destacou que esta iniciativa é un bo exemplo de colaboración institucional e de traballo colectivo, que suma ás administracións autonómica e locais e tamén a creadores, compañías, xestores e programadores.
O ciclo percorrerá todas as rutas xacobeas que discorren pola provincia. Así, polo Camiño do Norte participan Barreiros, Begonte, Friol, Guitiriz, Lourenzá, Ribadeo, Trabada e Vilalba. No Camiño Francés, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Portomarín e Sarria. Polo Camiño Primitivo, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Guntín e Lugo. E polo Camiño de Inverno, A Pobra de Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
Os artistas irán xirando por estes escenarios durante a primavera e o verán. A última das actuacións terá lugar en Vilalba o 23 de setembro e correrá a cargo da compañía Títeres Cascanueces, que porá en escena a obra de teatro infantil Barriga Verde contra o estragapandeiro.
Raquel Arias puxo de relevo o carácter participativo deste programa cultural que se organiza mediante unha convocatoria pública, invitando a todos os artistas e axentes culturais galegos para configurar un abano de eventos diverso e atractivo para público de todas as idades.
Así, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como De Vacas, Uxía, Xoán Curiel, Peter Punk, o Mago Rafa, The Covers Band, Circo Chosco, Dinamoteatro ou Caxoto Contacontos, por citar algúns dos 61 artistas ou compañías que actuarán nos municipios de Lugo. Serán, en total,13 representacións de teatro, 27 de teatro infantil, 20 de música, 3 de música infantil, 21 de maxia e 8 de novo circo.
O calendario de actuacións estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (agadic.gal/culturanocamino), así como na sección de Axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.