Nova: Play-Doc pon en valor a figura do director Charles Burnett cunha publicación dedicada á súa obra

16/04/2016

Play-Doc pon en valor a figura do director Charles Burnett cunha publicación dedicada á súa obra

A primeira monografía sobre o autor afroamericano ve a luz co apoio de Cultura

Tui, 16 de abril de 2016.- Play-Doc dedícalle unha monografía ao cineasta afroamericano Charles Burnett con motivo da retrospectiva que o festival de documentais de Tui lle organiza na edición de 2016. O volume, que contou coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, leva por título ‘Charles Burnett. Un cineasta incómodo’ e foi presentado esta tarde no marco do festival coa participación do propio autor e do secretario xeral de Cultura, que destacou “o interese do volume para dar a coñecer entre o público o traballo deste realizador indispensable”.

O volume, dispoñible tanto en versión dixital como en papel, inclúe unha extensa entrevista acompañada de diferentes artigos de importantes críticos, xornalistas e académicos expertos na súa obra, principalmente de universidades dos Estados Unidos. O seu obxectivo é poñer en valor e divulgar a obra do autor, considerado como o realizador afroamericano máis influente da historia.

Trátase da primeira monografía dedicada ao autor, con dúas versións, unha en inglés e outra en castelán, polo que o proxecto supón toda unha novidade editorial.

Un realizador de referencia
Cualificado de xenio do neorrealismo á americana, e a cabeza máis visible do movemento L.A. Rebellion, de finais dos 70 –que intentaba rachar cos estereotipos sobre a negritude creados por Hollywood–, Burnett é un realizador de referencia. A súa película ‘Killer of Sheep’ está recoñecida pola Biblioteca Nacional do Congreso como de especial interese para a súa preservación.

Corenta e cinco filmes en cartel
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén colaborando regularmente co Play-Doc que, nos dous últimos anos, foi beneficiario das subvencións da Agadic a festivais audiovisuais. A programación desta duodécima edición desenvolve desde o 13 ao 17 de abril unha intensa actividade con corenta e cinco filmes en cartel. A retrospectiva sobre o cineasta afroamericano Charles Burnett e a estrea do filme perdido do estadounidense Les Blank sobre o cantautor Leon Russell son algunhas das citas destacadas desta nova entrega do encontro, que ofrece un dos carteis máis diversos dos últimos anos e amplía a súa selección galega.
 

Comparte