Nova: O Gaiás festexará as Letras Galegas cun recital colectivo en homenaxe a Manuel María e un obradoiro de rap

22/04/2016

O Gaiás festexará as Letras Galegas cun recital colectivo en homenaxe a Manuel María e un obradoiro de rap

A Cidade da Cultura convida á cidadanía a elixir os poemas preferidos de Manuel María e recitalos no marco dun espectáculo multimedia no que os versos irán acompañados por improvisacións sonoras de Koroiev e videocreacións de DSK

A Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá previamente un ‘Obradoiro de poesía e rap’ no que rapaces a partir de 8 anos farán as súas propias composicións

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes poderán degustar produtos galegos grazas á colaboración das firmas Caurelor e Eidos de Iria
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o Día das Letras Galegas no Gaiás cunha homenaxe cidadá a Manuel María a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións e ata un obradoiro de rap.

Para homenaxear ao poeta lucense, a Cidade da Cultura convoca á cidadanía galega a achegarse ao Gaiás o 17 de maio e participar nun recital colectivo co que poñer en valor a figura e a obra de Manuel María. Así, a partir das 12:30 horas, a Sala Eisenman acollerá ‘Verso busca voz’, un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK.

De balde previa inscrición en cidadedacultura.gal
Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse en cidadedacultura.gal e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar o 17 de maio. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún.

Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un ‘Obradoiro de poesía e rap’ a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición en cidadedacultura.gal.

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor e olivas de Eidos de Iria.

Con estas tres actividades, a Cidade da Cultura súmase á homenaxe que polo Día das Letras Galegas se lle rende a Manuel María, poeta lucense autor dunha extensa obra, expoñente do activismo político e representante da conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.
 

Comparte