Nova: As Torres Hejduk vístense de arte e moda a través da intervención de Sonia Navarro Peralta
24/04/2016
As Torres Hejduk vístense de arte e moda a través da intervención de Sonia Navarro Peralta
Partindo da tradición téxtil galega, a creadora propón “vestir” as Torres Hejduk con doce ‘vestidos-gaiola’ cos que reivindicar o papel central da muller
A proposta da creadora murciana poderá visitarse todos os días desde o 2 de xuño ao 21 de agosto
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2016.- As Torres Hejduk do Gaiás vístense de arte e moda a través da intervención artística de Sonia Navarro Peralta. Do 2 de xuño ao 21 de agosto, esta creadora servirase da tradición téxtil galega para reivindicar o papel central da muller na estrutura familiar e social.
Coa costura como leit motiv de toda a súa carreira artística, Sonia Navarro propón no marco da exposición ‘Con-Fío en Galicia’ unha intervención intimamente ligada á tradición familiar dos oficios femininos a través dunha proposta plástica que xira en torno a cuestións asociadas ao papel social da muller e ao da costura como símbolo de resistencia
Así, a creadora propón vestir as Torres Hejduk cos seus ‘vestidos-gaiolas’, estruturas esquemáticas que debuxan figuras femininas. O seu proxecto baséase na repetición deste elemento unitario, dando lugar a doce estruturas: once na torre transparente e unha na opaca. Estas estruturas, cuxa silueta se asemella á das propias torres, aparecen distorsionadas como a imaxe do corpo fragmentado, sen brazos e con pescozos alongados, actuando como metáfora de constricións sociais e patróns establecidos.
Sonia Navarro Peralta busca así un enfrontamento de contrarios. Por un lado “ispe” as gaiolas, desposuíndoas de todo elemento superficial, fala do silencio encerrado que simboliza un desexo de liberdade e de desfacer ataduras co pasado. Polo outro, na torre opaca, propón vestir a gaiola recorrendo a técnicas artesanais empregadas na indumentaria tradicional galega como poden ser as usadas na realización dos sancosmeiros ou os carapuchos, feitos con palla e xunco trenzados.
A costura como reconstrución da memoria
Sonia Navarro Peralta (Murcia, 1975) vinculou toda a súa traxectoria artística coa tradición téxtil, afrontando a costura como un acto de curación que simboliza un punto de encontro para a reconstrución da memoria.
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Granada, Sonia Navarro conta cun Master en Fotografía en Efti. A partir de 1999 realiza diversos obradoiros de artes plásticas con artistas como Juan Genovés, Alfonso Albacete, Mitsuo Miura, Juan Uslé ou Concha Jerez. Obtén numerosas bolsas entre as que hai que destacar a Bolsa de Artes Plásticas do Ministerio de Cultura-Centro de España en París e a bolsa da Real Academia de España en Roma do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Desde o ano 2000 participa en Arco de forma ininterrompida coa Galería T20, ademais de en numerosas feiras nacionais e internacionais como Next Chicago, Volta Basilea, Maco Mexico, Artisima Torino, SP Arte, Sao Paulo ou Pulse Miami.
Realiza exposicións individuais en galerías nacionais como T20 (Murcia), Mas Art (Barcelona), Ad Hoc (Vigo) e en salas institucionais como Espacio AV de Murcia e galerías internacionais como Ybakatu, Curitiba Brasil e Galería Pedro Oliveira de Oporto, ademais da exposición individual na Cité de Paris.
Ten obra en diversas institucións como os ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, de Cultura, e de Asuntos Exteriores, a Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, a Comunidade Autónoma de Murcia, Explum, Fundación Cajamurcia ou Feval Extremadura.