Nova: O TedxGalicia volve ao Gaiás o 16 de xullo

29/04/2016

O TedxGalicia volve ao Gaiás o 16 de xullo

O Museo Centro Gaiás será o escenario por segundo ano consecutivo deste evento dedicado á difusión de ideas innovadoras e inspiradoras

O TEDxGalicia amplía o seu formato, cunha sesión de mañá e outra de tarde, nas que os participantes poderán escoitar destacados relatorios en vivo combinados co visionado das TedTalks ou charlas inspiradoras

As entradas póñense á venda este domingo, 1 de maio, a un prezo para as primeiras entradas de 25€

Santiago, 29 de abril de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración do ‘TEDxGalicia’, evento dedicado á difusión de ideas innovadoras que por segundo ano consecutivo terá lugar na Cidade da Cultura da Cultura.

O Museo Centro Gaiás acollerá o 16 de xullo a sexta edición deste evento no que os participantes poderán escoitar destacados relatorios en vivo, combinados co visionado de vídeos das coñecidas TedTalks ou charlas inspiradoras, co obxectivo de favorecer a reflexión e o debate.

Baixo o lema ‘De que está feito o futuro?’, esta edición do TEDxGalicia explorará as cousas cotiás que configuran o que imos ser como individuos e como sociedade. Por primeira vez, o TEDxGalicia arrancará ás 11 horas, cunha sesión de mañá que concluirá cunha sesión vermú para favorecer o goce e o intercambio de ideas entre relatores e participantes. Tras un pequeno petisco, o TEDxGalicia renudarase ás 16 horas na segunda sesión da xornada, con novas charlas e vídeos, que se complementarán con espazos para o intercambio e interacción entre todos os participantes.

As entradas para esta sexta edición do TEDxGalicia poranse á venda a partir deste domingo, 1 de maio ás 00:00 horas. As primeiras entradas terán un prezo de 25€ e poderán adquirise no web tedxgalicia.com.

Compartir ideas
O TEDxGalicia segue o modelo do TED, organización non lucrativa dedicada á difusión de ideas en forma de charlas curtas (18 minutos ou menos) a cargo de destacados oradores como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck ou Bono.

TED comezou en 1984 como unha conferencia na que converxeron Tecnoloxía, Entretemento e Deseño e hoxe en día abarca case todos os temas –desde a ciencia aos negocios ou os problemas globais- en máis de cen idiomas. De forma paralela ás conferencias TED, en todo mundo teñen lugar os eventos TEDx como o que terá lugar na Cidade da Cultura co obxectivo de poder compartir estas ideas en todo o mundo.

Comparte