Nova: Un festival de poesía, música e baile galego animará a derradeira semana da Feira do Libro de Buenos Aires

01/05/2016

Un festival de poesía, música e baile galego animará a derradeira semana da Feira do Libro de Buenos Aires

Ademais, continúa o ciclo de cine e as exposicións sobre Cela, Valle-Inclán e Blanco Amor

Santiago, 1 de maio de 2016.- O Centro Galicia de Bos Aires acollerá o vindeiro 7 de maio un festival de poesía, música e baile galego que constituirá unhas das derradeiras actividades da programación de Galicia nesta 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires. No acto, que se celebrará no Teatro Valle-Inclán do devandito centro, participarán o poerta Miguel Anxo Fernán Vello, a Agrupación Folklórica Baixo Miño, o Grupo de Gaitas da Sociedade de Vedra, o centro Arzuano Melidense, o Grupo de Gaitas e Bailes Tradicionais do Centro Galicia de Bos Aires, o Grupo de Baile e de Música do ABC do Partido de Corcubión, e mais a Agrupación Folclórica Gallega Miña Terra/Sociedade Arantei, Vilamarín e A Peroxa.

Esta manifestación de identidade por parte da colectividade galega na capital porteña completa unha programación de preto de 50 actividades que se desenvolverán entre o 2 e o 8 de maio, e nas que se mesturarán presentacións de libros e encontros de escritores e lectores, tanto no propio recindo feiral 'La Rural', como en diversos espazos fóra del, nomeadamente no Centro Cultural Matienzo, no devandito Centro Galicia, no Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol, na Biblioteca Casa de la Lectura, na Sociedad Parroquial de Vedra Mutualidad y Cultura, na Ribadumia Casa Gallega de Cultura en Bos Aires e no Centro Lalín, Agolada e Silleda de Galicia. Pola súa banda, a Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina será o escenario dunha homenaxe ao escritor Lorenzo Varela no seu centenario.

A maiores do devandito festival, o stand de Galicia no recinto feiral acollerá un coloquio cos múscios Carlos Fernández (Xeito Novo), Alberto López (Sete Netos), Gastón Rodríguez, Daniel Alejandro Pazos e o editor Xosé Aldea arredor da figura do gaiteiro silledense finado na Arxentina Manuel Dopazo. Así mesmo, o Festival Escenas do Cambio, o Instituto Galego- Arxentino Santiago Apóstol, a asociación 'O terzo da fala' e o Museo de la Emigración Gallega en la Argentina presentaranse ao longo desta semana no espazo propio da nosa Comunidade en 'La Rural'.

Cine e exposicións
Nesta segunda semana do evento internacional continuarán tamén a desenvolverse na Sala Gaumont da capital arxentina as proxeccións do ciclo 'Galicia en cine', coa programación de 'Arraianos', de Eloy Enciso; 'A praia dos afogados', de Gerardo Herrero; 'No Cow on the Ice', de Eloy Domínguez; 'O ouro do tempo', de Xabier Bermúdez; 'El árbol magnético', de Isabel Ayguavives; e 'A cicatriz branca', de Margarita Ledo. Promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en colaboración coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), céntrase no cine galego actual baseado na literatura. a iniciativa ten como obxectivo promover a difusión do noso audiovisual no mercado suramericano. Fóra deste ciclo proxectarase tamén esta semana o audiovisual 'Os Xogos Florais do Idioma Galego', de Xan Leira.

Así mesmo, esta será a última semana para visitar as mostras 'Santiago, ciudad ilustrada', no propio recinto feiral; 'Otros verbos, nuevas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)', no centro El cultural San Martín; 'Camilo José Cela en su centenario', na Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais; e 'Blanco Amor. La mirada y el deseo', en Usina del Arte; mentres que 'Galicia imaginada en las revistas de la emigración' poderá contemplarse no Centro Galicia ata o 30 de maio.
 

Comparte